A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla acompañada de Gerardo Sanjuan membro da dirección de EU en Ourense, ofreceron hoxe unha rolda de prensa de valoración dos orzamentos da Xunta de Galicia dedicados a Ourense.
“Un ano máis os orzamentos da Xunta de Galicia contribúen ao aumentar o deserto no que se está a converter a provincia de Ourense” valora Gerardo Sanjuan “o Partido Popular e a súa política de non investimento en Ourense é unha evidencia que vemos plasmada nestes orzamentos previstos para un ano 2021 que virá marcado polas consecuencias da Covid e que non contemplan os investimentos que precisa Ourense”
O contexto político negativo no que está inmersa a cidade non é recente, “Ourense padece unha ausencia de gobernanza municipal que xa tivo o seu iniciou na lexislatura anterior do Partido Popular, son xa 6 anos de parálise e inversión municipal, ao que sumamos uns orzamentos autonómicos que tampouco invisten na cidade nin na provincia” di Solla.
“Os orzamentos que a Xunta de Galicia ten para Ourense, son anuncios continuos de propostas que nunca se levan a cabo, como pode ser Ecobarrio da Ponte, a construción dos centros de saúde do barrio de Mariñamansa ou do 21 que seguen a ser promesas incumpridas ano tras ano”.
Á falta de inversión en infraestruturas sanitarias, súmase a inversión mínima contemplada para a atención primaria o que evidencia que tampouco se vai contribuír á redución das listas de agarda da atención primaria nos centros de saúde. Tan sequera tras anos de reivindicación se vai ampliar o servizo dunha ambulancia asistencial para Ourense.
Eva Solla aclaraba tamén que “a ausencia de partida para a construción dun centro de día e tamén dunha residencia de maiores pública tal como anunciou a Xunta de Galicia é falso. Esas partidas non existen no orzamento autonómico”, o único que contempla o orzamento é unha partida para a “demolición da estación de autobuses de Ourense, o lugar anunciado pola Xunta para a ubicación da residencia e que actualmente deixa sen servizo aos usuarios da estación”.
Esquerda Unida considera que Ourense conta cuns orzamentos autonómicos que non contemplan nin atenden ás necesidades da cidade, nada relacionado co transporte metropolitano, ausencia de partida algunha para vivenda pública, nin construción nin rehabilitación, ningunha partida para fomento de emprego, nin para hostaleira e pequeno comercio e un baixo investimento social.
A coordinadora nacional, si resaltou a preocupación ante “unha partida contemplada para unha planta piloto de produtos linocelusósicos con 1,36M de euros de inversión.” Solla pídelle á Xunta de Galicia que “aclare en que se vai concretar esta planta, máxime ante a tramitación da norma que reduce os informes de impacto ambiental e os trámites administrativos que está agora en trámite no Parlamento de Galicia” ante a posibilidade de que este supoña un problema máis de saúde ou protección mediambiental tal como estamos vendo recentemente que acontece en Galicia con outros proxectos.
Esquerda Unida Ourense cualifica estes orzamentos autonómicos de pobres, insuficientes e que non dan resposta ás necesidades de Ourense onde unha vez máis, o compromiso do Partido Popular coa cidade e coa provincia non existe.