Esquerda Unida, a través do seu eurodeputado Manu Pineda, elevou á Comisión Europea a vertedura de pellets de plástico na costa galega e pediu ao Comisario de Medioambiente europeo que “investigue e monitorice” a xestión da Xunta.
Nun escrito rexistrado este martes 9 de xaneiro, Pineda denunciou que as autoridades galegas non activaron o plan anticontaminación ata o día 5 de xaneiro, 23 días despois de recibirse os primeiros informes. “Un atraso inadmisible que agravou a situación” asegura o parlamentario, que cualifica “de dano ambiental irreparable cun potencial risco para a saúde humana” o escenario “por culpa da xestión tardía e neglixente da Xunta”.
“Están fallado todos os elos da cadea. O protocolo activouse tarde, unha vez activado non se dotou de medios suficientes, e agora, no canto de elevar o grao de emerxencia para contar coa axuda do goberno central o PP prefire facer cálculos políticos” sinala Pineda. “Precisamente por iso pedimos á Comisión Europea que investigue a xestión e que en caso de cometerse algunha irregularidade actúe”.
O texto pregunta á Comisión pola información que o goberno autonómico ha enviado a Bruxelas e considera “irresponsable” que, a case un mes da vertedura, o goberno Roda non solicitase axuda. “As súas tiras e afrouxas preelectorais teñen un custo para o ecosistema galego” sentencian.
O parlamentario advirte ademais da posibilidade de que a vertedura afecte á Rede Natura 2000 e pide á Comisión que tome as medidas necesarias para “garantir” que o dano ambiental non sexa maior. A petición ten obrigación de ser respondida por escrito pola Comisión Europa nun prazo de ata sesis semanas.
“O pobo galego volve demostrar que está moi por encima dos seus gobernantes”
Desde Esquerda Unida consideran que esta situación volva poñer de manifesto “a incapacidade do PP”. E agradecen a todas as organizacións ecoloxistas e veciñais que están a colaborar na recollida de pellets.
“Como vimos co Prestige ou cos incendios é a cidadanía galega a que sempre dá un paso adiante, e “ante a inoperancia da Xunta, coida as súas costas e os seus bosques” sentenciou Pineda.