Esquerda Unida solicita á Xunta que dea explicacións por ter nomeado xerente da residencia pública Porta do Camiño en Santiago de Compostela en plena pandemia do coronavirus ao que foi Director Técnico de DomusVI (antiga Geriatros) durante 20 anos.
Para Esquerda Unida resulta unha mofa para as familias que se poña ao fronte dunha institución pública a un dos máximos responsables da empresa en cuxas residencias veñen de falecer polo menos 62 persoas e lembra que aínda no mes de decembro a Xunta de Galicia premiou a DomusVI pola súa xestión, todo a pesares das denuncias de precariedade do seu persoal.
En palabras da Coordinadora Nacional, Eva Solla “esta é a mostra da perversión do modelo privatizador da Xunta de Galicia. Non só se adicaron a fornecer o crecemento do negocio privado en torno ao coidado dos maiores establecendo suculentos concertos en troques de dotar Galicia de prazas públicas, se non que incluso nunha situación tan grave como a que estamos a vivir e a pesar das 62 mortes nesta empresa, continúase facendo uso dos recursos públicos para beneficio duns cantos. Neste caso cun nomeamento que roza os límites éticos.”
“Mentres o persoal denunciou a precariedade fixéronse oídos xordos e mesmo se premiou á empresa. Agora que se evidencia o fracaso do modelo desde o punto de vista humano e social, vólveselle premiar colocando a un membro da patronal privada á fronte dunha residencia pública” di Solla.
A situación resulta unha provocación ademais, porque no mes de abril a residencia Porta do Camiño acollía a maiores infectados que proviñan da residencia San Lázaro DomusVI en Compostela.
Esquerda Unida reclama á Xunta de Galicia información sobre como se realizou a provisión desa praza de dirección e advirte da necesidade de mudar este modelo, “non se pode soportar que cando o foco de infección aínda está activo en varios destes centros se poida pensar tan sequera en continuar con este modelo. O sufrimento destes maiores e das súas familias ten que servir para que o modelo mude radicalmente” di a coordinadora, “os coidados das persoas deben estar en mans públicas. A Xunta debe dotar de prazas a Consellería de Políticas Sociais que sexan de xestión directa e prescindir da renovación de estes contratos.”
“Non podemos seguir pagando con cartos públicos a quen é responsable desta desfeita” sentencia Eva Solla.