Esquerda Unida pide o rescate do servizo dos Bombeiros

Foi o pasado marzo cando o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais declarou a nulidade dos pregos de condicións do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento para a xestión indirecta dos parques de bombeiros da provincia da Coruña.

O Consorcio, formado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña (ao 50 por centro, respectivamente), propuxo en decembro de 2014 a xestión indirecta, mediante concesión administrativa, do servizo público de prevención e intervención en emerxencias. Na altura, diferentes plataformas de Bombeiros de Galicia denunciaran a ilegalidade desta prestación de servizo público esencial e celebraron a decisión do Tribunal.

Segundo explicou Díaz esta mañá, “é unha vergoña que aínda estea no aire o futuro dos diferentes parques de bombeiros, xa que o Consorcio leva dende aquela sen licitar o servizo e sen facelo público, unha parálise que impide rescatar un servizo básico e esencial para a cidadanía”, explica a coordinadora de Esquerda Unida.

Yolanda Díaz, levou ao Parlamento a petición de apertura dunha mesa de negociación para o cumprimento da Lei de Emerxencias de 2007 e a necesidade de que se elabore un Estatuto de Bombeiro Profesional.

Segundo Díaz, “se tivésemos unha norma que harmonizase ou normativizase as condicións de acceso a esta profesión”, obviamente, non existiría “ese entramado que teñen desenvolvido no noso país de distintas conivencias, tales como empresas que xestionan de maneira precaria e privatizada o servizo e que acaban por mandar a profesionais a facer funcións impropias (limpar cunetas, vixiar festas…), o que é unha grave irregularidade”.

 

Ao longo destes meses, os bombeiros galegos convocaron unha serie de manifestacións co fin de denunciar a privatización do servizo e a precariedade que padecen desde hai anos onde estivo presente Yolanda Díaz, sumándose unha vez máis ás xustas demandas deste colectivo e as súas iniciativas de mobilización e loita na consecución dun mellor servizo público nun eido tan básico para a seguridade da nosa cidadanía.

Relacionados