Esquerda Unida quere que o goberno de Ponteareas explique á veciñanza cal é a intención do executivo con respecto ao futuro da xestión do ciclo da auga no concello. Esquerda Unida lembra unha vez máis o compromiso adquirido por todos os partidos que están na corporación de iniciar o proceso de remunicipalización da xestión da auga proposto por Esquerda Unida e aprobado por unanimidade na anterior lexislatura.
Pola contra, o sete de agosto do ano pasado o goberno municipal de Ponteareas resolveu contratar á empresa Lagares Oca a redacción da nova licitación do servizo de xestión da auga unha vez que o contrato con Viaqua estaba a piques de rematar. Esquerda Unida quere aclarar que isto aconteceu porque o goberno municipal incumpriu o acordo plenario e non fixo nada do acordado no pleno de decembro de 2018 no que se aprobou a proposta de EU.
Posteriormente, no pleno do 30 de setembro de 2020, o goberno municipal aprobou a continuidade do contrato con Viaqua mentres non se resolvera o futuro da xestión. A partires de aquí comezaron as evasivas por parte do alcalde de Ponteareas tentando confundir á veciñanza dicindo que non estaba claro aínda o futuro da xestión cando xa contratara a redacción dun novo contrato de xestión cunha empresa privada. Mesmo tentou confundir á veciñanza nun medio de comunicación dicindo que o acordado en pleno non era iniciar o proceso de remunicipalización. Certamente a proposta de EU aprobada polo pleno foi a da creación dunha comisión para determinar a forma de xestión máis sostible, pero o alcalde sabe perfectamente e así se aclarou en todo momento, que este era un trámite necesario para iniciar o proceso de remunicipalización.
Unha vez pasados os seis meses do prazo que tiña a empresa para a redacción dos documentos do novo contrato, o alcalde debería explicar á veciñanza de Ponteareas o contido dos mesmos sen máis mentiras nin marrulladas.