🎥 Esquerda Unida presenta unha campaña para frear a ameaza do aumento das casas de apostas

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, xunto a Loreto Taibo, responsable de Política Municipal de Esquerda Unida e Miguel Cimas, membro da dirección da Xuventude Comunista, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha campaña para frear, con medidas concretas, a ameaza que supón o grave aumento das casas de apostas e o consecuente aumento da ludopatía no noso país.

Segundo explicou Loreto Taibo, “Esquerda Unida levará a cabo unha campaña en Galicia co dobre obxectivo de alertar á cidadanía sobre a proliferación do negocio das casas de apostas, particularmente preto de centros escolares, culturais ou xuvenís, e para impulsar desde os concellos unha moción que concreta medidas prácticas para contrarrestar o perigoso aumento das ludopatías, un problema de saúde pública”.

“Nesta moción presentamos unha serie de medidas, a nivel municipal, autonómico e estatal para atallar esta problemática”, explica a  responsable de Política Municipal de Esquerda Unida. “Doutra banda, entendemos que é necesario prohibir a publicidade destes locais e frear a súa expansión a través das diferentes normativas, así como medidas de prevención e tratamento ante a ludopatía”, sinala. Na campaña, tamén expomos unha serie de propostas a nivel fiscal para gravar a actividade das casas de apostas e do xogo online.

Pola súa banda, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, sinalou que “en relación ao contido da moción que imos presentar, hai que lembrar que anualmente nos orzamentos da Xunta hai unha carencia de contía dedicada ás adiccións, tanto ao alcohol, as drogas como a ludopatía”. Nestas circunstancias, “a Xunta non só non aumenta o orzamento dedicado ás dependencias, senón que ten facilitado a implantación da autorización de novos casinos, tal e como fixo Rueda co de Vigo, algo que nós entendemos que vai contra a seguridade da saúde pública”, explica Eva Solla.

“Nós proporemos ao Parlamento, a través de En Marea, que se restrinxa todo o que ten que ver co xogo, restrinxir a publicidade e o acceso aos menores ao xogo. Tamén faremos unha campaña para reclamar que as queremos fora dos nosos barrios, que está relacionado coa crise que viven as persoas e non queremos que os empresarios do xogo veñan a aproveitarse dos traballadores”, dixo.

Solla apunta que “os datos estatísticos que ofreceu Sanidade, que afirman que a adicción das persoas mozas aumentou entre un 6% e un 25%, merecen unha clara resposta nas institucións e na Xunta, onde cremos que non están a atender este problema tan serio”.

Pola súa banda, Miguel Cimas explicou a campaña que leva por título: “Fóra as casas de apostas dos nosos barrios”, que denuncia o auxe das casas de apostas nos barrios obreiros e complicidade ante un problema como o da ludopatía. Tamén sinalou a relación entre precariedade e mocidade, esta última condenada polo “discurso das apostas como unha forma de acadar un soño irreal: o éxito capitalista”.

Dende Esquerda Unida entendemos que é o momento de que as diferentes institucións modifiquen a normativa actual para protexer á cidadanía galega desta lacra.

Ver rolda de prensa:

Relacionados