Hai uns días a dirección nacional de Esquerda Unida e do Partido Comunista de Galicia, mantiveron unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa A Coruña, ante a grave situación na que se atopa a plantilla e o futuro da factoría tras a re-venta do 74% do capital ao Grupo Industrial Riesgo.
Ante esta nova situación de incertidume na que se atopa a plantilla, Esquerda Unida considera fundamental contar co apoio e compromiso das administracións polo que “a organización presentará mocións en todos os concellos da comarca da Coruña para solicitar que as administracións competentes se fagan cargo de dar unha solución á situación que volve a ter a empresa” di a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.
Por outra banda, Solla afonda no papel que debera xogar o goberno autonómico “a Xunta de Galicia debe exercer as súas competencias en materia de industria e actuar para garantir os postos de traballo, pedimos que a Xunta asuma e medie para garantir o futuro da empresa”.
Esquerda Unida solicita tamén que o Ministerio de Industria interveña a empresa e faga valer o contido dos acordos asinados en xullo no relativo aos investimentos na factoría e ao mantemento de empregos, xa que se trata dun sector estratéxico para o futuro do noso país.
Así mesmo, a organización tamén reclamará unha auditoría sobre o proceso de compra-venda da factoría, así como a urxente aprobación do “estatuto das electrointensivas” que ofreza garantías para a estabilidade do prezo da enerxía adicado á industria.
Por todo isto, dende Esquerda Unida presentaremos mocións nesta mesma liña nos concellos e tamén as trasladaremos ao Parlamento de Galicia.