Esquerda Unida reclama á Xunta de Galicia a retirada do plan de ensino virtual e urxe o acordo co profesorado, sindicatos e ampas dun plan de continxencia global ante a covid-19

A Área de Educación de Esquerda Unida valora como moi negativo o feito de que unha vez máis a Consellería de Educación decida deixar de lado o diálogo coa Comunidade Educativa e anuncie unilateralmente un Plan de Ensino Virtual que busca normalizar a non presencialidade e carga unha vez máis sobre as costas do profesorado a responsabilidade de adaptar o sistema educativo sen ofrecer máis persoal e medios.

Esquerda Unida entende que a prioridade debera ser manter sempre que sexa posible o ensino presencial, necesario para asegurar unha correcta comunicación, realizar unha verdadeira avaliación continua, fomentar o traballo cooperativo e imprescindible en tódalas materias que impliquen aspectos técnicos, talleres, obradoiros ou materias artísticas/musicais. A presencialidade resulta tamén moi relevante á hora de asegurar o ensino no alumnado con necesidades especiais e tamén para a conciliación familiar.

Con todo, se a intención é abordar os casos específicos onde se pon en corentena a un grupo do alumnado, resulta incomprensible que a Xunta de Galicia teña agardado ata un mes e medio despois do inicio do curso para afrontar esta situación. E que o faga derivando a responsabilidade no profesorado de cada centro, afogado xa coa enorme carga de traballo, ao que permite só unha semana para ter listo un plan de continxencia para o seu centro. Todo, sen que a Xunta aporte ningún medio, recursos, nin profesorado adicional.

Esquerda Unida pregúntase por que a Xunta de Galicia non empregou os fondos Covid cedidos polo Goberno Central para reducir a rateo de alumnas e alumnos por aula, unha medida que foi solicitada desde o inicio da Pandemia para minimizar os posibles contaxios e facer fronte ao incremento da carga de traballo do profesorado desde o inicio da crise sanitaria.

Ademais, desde a Área de Educación enténdese que hai que atender tamén ás dificultades de conciliación das familias ou a ausencia de medios materiais de moitas delas para soportar a teledocencia en moitos casos.

Esquerda Unida considera que non se pode descargar unha vez máis a responsabilidade no profesorado e nas familias sen aportar medios, e urxe á Xunta de Galicia a retirar o improvisado Plan de Ensino Virtual e sentarse co profesorado, sindicatos e AMPAS a negociar canto antes criterios homoxéneos para afrontar a Pandemia no ámbito educativo poñendo incremento de medios e persoal para os que xa ten financiamento.

Relacionados