Esquerda Unida reclama máis medios para o ensino público e uns orzamentos da Xunta que garantan a recuperación do profesorado eliminado tras unha década de recortes

O día 5 de Outubro conmemórase o día Mundial das e dos docentes co lema “Asumir o liderado”. Co gallo de este día, Esquerda Unida quere lembrar que nos últimos once anos Galicia perdeu en torno a 3.000 docentes no sistema educativo. Un recorte de persoal que supuxo peche de escolas no rural, masificación de aulas e perda por conseguinte da calidade educativa.

Xusto nun momento no que a educación pasa por un delicado momento en relación ao impacto da crise do covid-19, o día mundial dos docentes vén a lembrarnos a importancia do profesorado á hora de tomar decisións no sistema educativo. Así, UNESCO e a Organización Internacional do Traballo (OIT) baixo o tema “Docentes: liderar en situacións de crise, reinventar o futuro” veñen de publicar un manifesto xunto a UNICEF no que lembran os prexuízos que durante esta crise sanitaria supuxo para o alumnado, sobre todo nenas e nenos o peche de escolas e centros educativos, pero tamén o papel e a carga asumida polo profesorado que traballou para intentar manter o acceso á educación.

Xustamente neste momento Esquerda Unida quere lembrar as dificultades para o profesorado na asunción dese liderado nunhas condicións como as actuais, nas que non só se ten producido un abandono do sistema educativo por parte das autoridades responsables, se non que o recorte de recursos previo e efectuado durante anos por parte do Partido Popular fan que teñan que afrontar esta pandemia en situación de precariedade.

Nese sentido, Esquerda Unida lembra, que o cumprimento dese mandato da ONU e a recuperación da calidade educativa en Galicia non pasa por un reforzo puntual de profesorado, se non por unha aposta decidida por devolver ao sistema educativo a calidade coa reposición dos docentes eliminados durante máis dunha década en todas as etapas educativas, desde a infantil á superior, pasando polas ensinanzas artísticas e a formación profesional.

Por iso demanda que nos vindeiros orzamentos da Xunta de Galicia figure unha partida plurianual para garantir que durante esta lexislatura se recupera o profesorado eliminado nestas lexislaturas de gobernos da dereita.

Relacionados