Esquerda Unida reclama o apoio do pleno de Ourense contra o peche dunha planta no CHOU

Esquerda Unida rexistra unha moción no Concello de Ourense demandando o apoio das e dos concelleiros do consistorio á protesta contra o peche previsto de 22 camas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e a redución de 25 profesionais.

A pasada semana, segundo relata a Comisión de Centro Especializada, coñeceuse a través de RR.HH. e a Dirección de Enfermaría a intención de pechar unha planta de hospitalización no CHUO, a pesar de que continúan existindo necesidades de utilización das mesmas e logo dun ano de Pandemia no que as traballadoras e traballadores denunciaron a insuficiencia de persoal. Sobre todo na Unidade de Coidados Intensivos na que o persoal viuse sometido a unha elevada carga de traballo que facía necesario o reforzo de persoal con experiencia.

Esquerda Unida denuncia que levamos anos arrastrando desplantes dos diferentes Xerentes ao persoal e que nin tan sequera unha crise sanitaria tan grave como a que vivimos está a servir para que a Consellería de Sanidade entenda a necesidade de reforzar os servizos do CHUO e mellorar os precarios contratos. Unha cuestión que obviamente afecta á calidade asistencial.

Por iso, apoiando a denuncia e demandas do persoal sanitario de Ourense, Esquerda Unida vén de rexistrar esta moción para evitar que o peche destas camas se leve a cabo.

Relacionados