O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) acaba de ser condenado por arriscar a vida dunha paciente e deixarlle graves consecuencias ao dilatar o seu embarazo e enviala abortar a unha clínica madrileña. Para Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e deputada electa de En Marea, “a condena chega tarde para resarcir a súa saúde”. Ademais cualifica de “violencia contra as mulleres” os abortos con dor e sen a atención axeitada.
“Este arrepiante situación que acabamos de coñecer afecta aos dereitos fundamentais das mulleres, aínda que parece non interesarlle ao Goberno do PP, que non fixo nada para evitar que o machismo persista nas políticas públicas”, explica Solla. “Neste senso, a obxección de conciencia non pode impedir que se garanta o dereito de que todas as mulleres poidan abortar no centro público máis próximo á súa residencia”, sinala.
“Durante a pasada Lexislatura, interpelei ao Goberno en numerosas ocasións polas condicións nas que se producían os abortos do segundo trimestre do embarazo na Sanidade Pública e polo feito de que o PP prefira seguir desprazando ás mulleres soas a abortar a clínicas privadas madrileñas. Nunca xustificaron debidamente esta nefasta xestión e seguiron defendendo unha obxección de conciencia incomprensible, mantida incluso nos casos de aborto por causas médicas”, destaca.
Esquerda Unida reitera a defensa dun aborto libre e gratuíto na Sanidade Pública e recorda que estas conductas deixan en situacións moi difíciles ás mulleres que decidiron abortar e mostran o máis forte desprezo ás pacientes que financian cos seus impostos un sistema sanitario público que, neste caso, as deixa desamparadas.