Esquerda Unida resalta a importancia de seguir a traballar contra o discurso do odio e a prol de políticas que permitan ás persoas LGTBI ter unha vida digna

Neste vindeiro 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, cando se conmemoran os 50 anos das revoltas de Stonewall de 1969 en Nova York, saímos ás rúas en diferentes puntos do estado baixo o lema: “Maiores sen armario: Historia, loita e memoria!” para poñer en valor que sentimos Orgullo da identidade e da historia LGTBI, pero tamén somos moi conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer.

Hoxe vemos como van en aumento as agresións cara ao colectivo LGTBI en cada ámbito da vida: na escola, no traballo, nos espazos públicos… Segundo o último informe do Ministerio do Interior, houbo case un 18% máis de delitos de odio pola orientación sexual ou identidade sexual que no ano anterior analizado. “Estas agresións por prexuízos de xénero precisan unha resposta contundente por parte das administracións e tamén amparadas por leis que protexan os dereitos das persoas”, apunta a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.

Dende Esquerda Unida mostramos tamén moita preocupación polos discursos violentos contra o colectivo LGTBI que xeran un clima de odio e que están a rexurdir dende os partidos de extrema dereita. “Fronte os discursos de odio é vital apelar á responsabilidade dos medios de comunicación e da cidadanía para evitar difundir ou alimentar este tipo de mensaxes que só promoven a intolerancia contra o colectivo LGTBI e fomentan os prexuízos e estereotipos”, reflexiona Solla.

Unha enquisa realizada pola Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (FELGTB) reflectía que máis do 40% das persoas trans sufriron ameazas ou maltrato psicolóxico no pasado ano, datos que poñen de manifesto que vivimos nunha sociedade que padece de transfobia e que non acepta ás persoas trans, polo que Solla reitera que “falta moito camiño por recorrer e moito por traballar na necesidade de apostar por modelos de sociedade inclusivos e tolerantes”.

Respecto aos dereitos do colectivo LGTBI en Galicia, aínda queda moito por avanzar, tamén en materia lexislativa. Dende Esquerda Unida xa denunciáramos a non aplicación e desenvolvemento da insuficiente Lei 2/2014, do 14 de abril, pola Igualdade de Trato e a non discriminación de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais. De feito, coa fin de superar o marco da normativa desta Lei de 2014, “dende os colectivos e os grupos da oposición levamos a trámite parlamentaria a Proposta de Lei de Identidade de Xénero, que tristemente non saíu adiante polo veto do PP. Dita lei permitía importantes melloras na calidade de vida das persoas galegas transexuais (e tamén de nenas e nenos trans) e amparaba ás persoas no dereito a ser e existir en liberdade, un paso vital na construción dunha sociedade diversa e respectuosa”, lembra a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Conscientes de que hai moito camiño por diante, dende Esquerda Unida seguiremos esixindo e pulando por unha política valente para mellorar a calidade de vida de todas as persoas, sen marxinar ou invisibilizar a ninguén. Por todo isto, somos conscientes de que os pasos dados non son en vano, quédanos moito polo que pelexar e seguir na rúa para que o colectivo LGTBI poida ter unha vida digna.

Relacionados