Dende a Área da Muller de Esquerda Unida mostramos o noso total e absoluto rexeitamento á sentenza ditada pola Audiencia Provincial de Navarra, na que os cinco homes da autodenominada “La Manada” son condenados só por abusos sexuais e furto, e non por violación múltiple e roubo, coa conseguinte redución de anos de condena en beneficio dos violadores. Esta sentenza senta un precedente xudicial vergoñento, que disuade ás vítimas de denunciar e as obriga a poñer en risco a súa vida enfrontándose aos violadores para que os tribunais aprecien violencia, e polo tanto condenen a agresión sexual e non o abuso.
Atopámonos, outra vez, ante unha clara demostración de que a xustiza é machista e patriarcal, cando as nosas leis e os órganos xudiciais son alleos á necesidade de que a perspectiva de xénero analice e dé resposta ás agresións e violacións que se dan contra os nosos dereitos e os nosos corpos. Non podemos falar de que neste país exista un Estado Democrático e de Dereito. Seguimos a vivir nun Estado machista e patriarcal, con tres poderes ancorados en estruturas e concepcións sexistas e misóxinas. Por todo isto, dende Esquerda Unida sumámonos e chamamos a participar nas diferentes concentracións convocadas en Galicia a prol de denunciar este machismo estrutural tan enraizado na sociedade.
Súmate ás concentracións da túa localidade: