As confrarías de Ferrol, Barrallobre e Mugardos levan varios anos denunciando o descenso nas capturas de ameixa na ría de Ferrol. Nos que vai de 2020 a situación tense tornado insoportable para a maioría das e dos mariscadores que cun descenso nalgúns casos de ata un 90% da ameixa recollida carecen de ningún tipo de ingresos.
Esta realidade ten sido advertida en múltiples ocasións á Xunta de Galicia, que non ten tomado ningunha medida efectiva a pesares de publicar no verán un informe elaborado polo Intecmar que recollía a presencia dunha toxina que estaba a afectar ao molusco.
Así as cousas, Esquerda Unida vén de solicitar ao Goberno Central que facilite un informe do Instituto Social de la Marina sobre a situación de este banco marisqueiro e das súas traballadoras, para que coa información pertinente se poida tomar canto antes unha decisión que de cobertura ás centos de traballadoras que dependen de este recurso para sobrevivir.
Esquerda Unida entende que están en xogo tanto o medioambiente da ría de Ferrol, como o futuro económico dunha parte importante da comarca, polo que considera que a necesidade de medidas non acepta máis demora. Así mesmo, denuncia a actitude pasiva da Consellería do Mar, que en troques de asumir as súas competencias, prefire empregar escusas para non facer fronte á necesidade dun paro na actividade e polo tanto, ao investimento económico necesario para sufragalo.
Por último, Esquerda Unida anuncia o seu apoio ás mobilización convocadas polas confrarías que mañá día 15 de outubro estarán ante o edificio da Xunta en Ferrol e o vindeiro día 22 sairán en caravana de vehículos desde a Malata.