Esquerda Unida súmase á comunidade universitaria e apoia as accións encamiñadas a conseguir a eliminación das reválidas e a derrogación da LOMCE

En pleno período de reválidas, Esquerda Unida esixe medidas contundentes para a suspensión de ditas probas por ser antipedagóxicas e supoñer unha fonte de estrés para o alumnado, tal e como criticou en máis dunha ocasión, un argumento compartido tamén pola comunidade educativa, que vén de manifestarse en contra das reválidas de 3º de Primaria, que continúan a celebrarse hoxe xoves.

O rexeitamento a estas probas segue por cuarto ano consecutivo, polo que dende Esquerda Unida chamamos a que o Goberno as elimine, xa que no proceso subxace na desconfianza da labor docente e está impregnado pola hexemonía da ideoloxía neoliberal, onde todo debe ser cuantificado, medible, catalogado e ser rendible.

As reválidas tampouco se adaptan ao alumnado con necesidades educativas especiais ou con altas capacidades e acaba por ser sometido á forza aos indicadores de “calidade” resultante das probas, co que, no fondo, cando se vive nunha estreita competencia coa privada-concertada, o que se pretende é incidir na degradación da pública na inevitable comparación sesgada que terá lugar entre centros públicos e centros privados.

Dende Esquerda Unida rexeitamos de novo as reválidas e chamamos a non ceder máis terreo á LOMCE e á ideoloxía neoliberal na escola. Cómpre derrogar a LOMCE e anular así a existencia destas avaliacións externas, que só queren converter ao alumnado nunha categoría medible a expensas dos desexos da estratexia neoliberal e do seu proxecto de sociedade.

Relacionados