Esquerda Unida súmase ás denuncias públicas sobre a futura xestión privada dos centros para a atención de vítimas de violencia sexual para os que a Xunta ten ofertado un contrato por un valor de 3,7 millóns de euros.
En abril de 2021 o Ministerio de Igualdade aprobou o seu “Plan España te protege contra las violencias machistas” que anunciaba a implantación de centros de atención 24 horas para as mulleres vítimas de violencia sexual. Con este fin, o goberno central anunciou a transferencia en varias anualidades de 66 millóns de euros ás CC.AA. para poñer en marcha baixo as súas competencias uns centros que segundo o plan terían un traballo que “…se adaptaría ás demandas, tempos e necesidades das vítimas e que as persoas profesionais terían formación especializada en xénero, enfoque de xénero, DDHH, interseccionalidade, violencia contra as mulleres , violencias sexuais, trauma, crise e emerxencia.”
Sen embargo, para Esquerda Unida a privatización da xestión destes centros camiña en sentido contrario. Para Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, “é imposible garantir que o servizo vai cumprir con todos eses estándares e vai ser de ampla calidade cando nos pregos de contratación se esixe un mínimo de tan só sete profesionais por centro” asegura que “se os centros teñen que abrir 24 horas, tendo en conta os descansos do persoal, cantas profesionais abordarán o traballo en cada quenda?”
Ademais, Esquerda Unida sinala que a prestación dun servizo tan delicado coma este debera proporcionarse con medios públicos, algo que garantiría a suficiencia de recursos para unha mellor atención e xeraría emprego de calidade por outra banda.
“Non serven as escusas ofrecidas pola Xunta de Galicia. Desde o ano 2021 tiveron tempo suficiente para crear o servizo e as prazas públicas. Se non se levou a cabo é porque o Partido Popular teima en darlle ás empresas privadas a xestión de servizos cos que facer negocio”, afirma Solla.
Esquerda Unida denuncia que igual que acontece cos Puntos de Encontro Familiar, a Xunta nin sequera restrinxe a licitación a entidades do terceiro sector, se non que abre a porta a que empresas coma Eulen poidan asumir este servizo.