Esquerda Unida súmase á Emerxencia Feminista deste 20 de setembro onde a noite será violeta como repulsa ás violencias machistas

Dende Esquerda Unida sumámonos e chamamos a participar nas mobilizacións nocturnas deste 20 de setembro, convocadas en máis de 200 lugares de todo o Estado. Unha “Emerxencia Feminista” como repulsa ás violencias machistas e feminicidios que estamos a padecer.

“Nesta mobilización iremos con luces violetas para iluminar a escuridade que é o machismo e de noite, porque as agresións e violacións son, na súa maioría, aproveitando a escuridade”, precisa a responsable da área de Muller de EU, Raquel Bernárdez.

“É vergoñento que teñamos xa 74 feminicidios, os últimos de Valga e en Madrid, que tres mulleres sexa violadas ao día (con datos das mulleres que denuncian) e que só se denuncien o 20% das agresións sexuais”, di Bernárdez. Por iso, coincide en que é necesario participar nesta mobilización “para evidenciar que estamos a vivir nun estado de ‘emerxencia’ permanente, cun reponte de violencia machista neste último verán”, e que vai sendo hora de que o Estado e as administracións actúen, por exemplo, cumprindo o Pacto de Estado de Violencia de Xénero, incrementando recursos económicos e humanos para o desenvolvemento de accións contra estas violencias e levando a cabo políticas de educación en valores feministas.

Por todo isto, dende Esquerda Unida chamamos a encher as rúas e participar na noite violeta este vindeiro venres 20 de setembro, xa que dende o feminismo temos que berrar que as noites tamén son nosas.

Relacionados