Esquerda Unida súmase á protesta de Ecoloxistas en Acción contra a pasividade das administracións ante a contaminación por lindano no Porriño

EU-Son de Porriño e a Plataforma Antilindano da Louriña sumáronse esta tarde en Vigo á concentración de Ecoloxistas en Acción xunto ao veleiro Deusa Maat coa fin de denunciar a pasividade das administracións ante o problema de contaminación por lindano.

Pedro Ocampo, concelleiro de EU Son Porriño, volveu poñer énfase no abandono dos poderes públicos á veciñanza do Porriño e denunciou “a falta de implicación do Ministerio de Medio Ambiente e da Xunta de Galicia, a pesar de coñecer a existencia de milleiros de quilos de residuos enterrados en Porriño e na zona da Louriña, para paliar este problema”. Ocampo denunciou que as administracións seguen sen artellar un Plan de Descontaminación tan necesario para a zona.

A coordinadora de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla xa esixiu no Parlamento de Galicia que a Consellería de Sanidade considere a contaminación de lindano como “un asunto de saúde pública de primeira magnitude”. “Aproveitamos o percorrido deste barco para denunciar de novo a contaminación por lindano, un tóxico canceríxeno tipo un que está na zona e nos acuíferos e que segue a por en risco á poboación”, polo que é preciso “poñerse a traballar para elaborar un Plan de Descontaminación que permita vivir á xente nun entorno saudable”.

Esquerda Unida ten trasladado a tanto á Xunta de Galicia como á Comisión Europea (CE) a súa preocupación á hora de tomar medidas respecto ao problema derivado do lindano. Unha vez máis denunciamos a desidia das administracións, que non teñen feita ningunha actuación efectiva para eliminar os residuos e instamos a que se impliquen para paliar este problema ecolóxico e sanitario.  

Relacionados