Esquerda Unida súmase ás concentracións diarias en Compostela a favor das persoas refuxiadas

Esquerda Unida apoia ás concentracións da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, que terán lugar entre o 19 e o 26 de setembro, e chama á participación da cidadanía co fin de obrigar aos nosos gobernos, e ao resto de gobernos da UE, a mudar as súas políticas xenófobas e a cumprir coas súas obrigas e coa lexislación internacional.

Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas levará a cabo nestes días unha serie de concentracións na Praza do Toural (en Santiago de Compostela) ás 20 horas. A primeira cita arranca mañá martes 19, e seguirá diariamente ata o vindeiro martes 26 de setembro, data na que remata o prazo que ten o Estado Español, no marco dun acordo da Unión Europea, para acoller a 17.337 persoas refuxiadas. En dous anos só acolleu a 1.983 persoas refuxiadas de máis de 5.500.000 vítimas da guerra que tiveron que saír do seu país e solicitar refuxio.

Diariamente levarase a cabo a lectura dun manifesto por parte de persoas coma Carlos Blanco ou Monti Castiñeiras, relacionadas co mundo do espectáculo, o entrenador do Obradoiro Moncho Fernández, a cantante Uxía Senlle, os directores de cine Alfonso Zarauza e Fernando Cortizo ou o teólogo Andrés Torres Queiruga, entre outras.

Dende Esquerda Unida consideramos que as cifras de acollida polo Estado son irrisorias para as capacidades dun país como o noso. Ademáis, dende fai dous anos vimos a pouca vontade de acollida por parte do goberno do Partido Popular. Por iso rexistráramos, por medio de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) primeiro e como En Marea despois, varias iniciativas sobre persoas inmigrantes e refuxiadas co fin de esixir que o executivo cumprira coa súa responsabilidade como goberno democrático e garantira os dereitos humanos elementais, tales como o de asilo ou o dereito á vida e á dignidade.

Relacionados