Esquerda Unida súmase ás mobilizacións de Ferrol para lembrar a memoria de Amador Rey e Daniel Niebla

Esquerda Unida lembra un ano máis a data do 10 de marzo de 1972, cando eran asasinados a mans franquistas os traballadores dos estaleiros públicos de Ferrol Amador Rey e Daniel Niebla ao defender os seus dereitos laborais.

Dende Esquerda Unida facemos un chamamento á participación nas mobilizacións e actos convocadas polos sindicatos en Ferrol, a ofrenda floral no Monumento 10 de Marzo e a Manifestación do Día da Clase Obreira Galega, co fin de honrar a memoria dos compañeiros asasinados, traballadores dos estaleiros públicos ferroláns.

As candidatas de Galicia en Común-Anova, Eva Solla e Saínza Ruíz, estarán na mobilización, que sae ás 19 horas dende o Monumento do 10 de Marzo. Esta mobilización rememora a memoria dos homes e mulleres que foron quen de poñer en pé ao pobo de Ferrol contra a ditadura e as leis laborais franquistas.

 

 

Relacionados