Esquerda Unida súmase e chama a participar nas mobilizacións deste sábado 17 de marzo en Galicia por unhas pensións dignas

Esquerda Unida súmase e fai un chamamento á participación nas diferentes mobilizacións galegas que terán lugar este sábado 17 de marzo por todo o país a prol da reivindicación dun sistema público de pensións, así como na defensa de pensións dignas. Para a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, “as e os pensionistas están a dar un verdadeiro exemplo de loita respecto ás políticas antisociais do Goberno do Partido Popular, que vén de vetar no Congreso a Proposición de Lei de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea e onte non tiñan pudor para anunciar un rescate á unha nova autoestrada”, sinala.

Segundo explica Solla, “si que hai diñeiro para o rescate bancario, si que hai cartos para rescatar ás empresas, pero non hai cartos para subir as e aos pensionistas que traballaron toda a vida as pensións que, en moitos casos, serven para soster a familias enteiras”. Alén disto, o debate desta semana nas Cortes deixa patente que a estratexia do PP afonda e se instala no exterminio dos dereitos básicos da cidadanía manifestando o seu rexeitamento á mellora da calidade de vida das persoas, e o que é máis grave, o incumprimento do mandato con stitucional do 78 (art. 50).

Ante este panorama que debuxa un preocupante perfil de pobreza e vulnerabilidade para as persoas que teñen unha pensión, dende Esquerda Unida facemos un chamamento á participación nas diferentes mobilizacións.

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, acudirá á mobilización este sábado 17 na Praza Cervantes (Compostela).

Escoitar as declaracións de Eva Solla:

 

 

Relacionados