Esquerda Unida tacha de “cínica” a actitude da Comisión Europea sobre Marrocos e o seu empeño en saquear os recursos saharauís

Esquerda Unida vén de coñecer a “cínica” resposta da Comisión Europea sobre as preguntas de se condena a actuación de Marrocos á hora de intentar lexitimar a ocupación do Sáhara Occidental, coa apropiación de Dajla como cidade marroquí, ou a súa actitude sobre os constantes incumprimentos dos acordos do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) en materia de pesca.

Esquerda Unida levou estas preguntas á Comisión Europea da man da eurodiputada de Izquierda Unida, Paloma López, co motivo da participación da empresa Atlas Pelagic, con sede na cidade saharauí de Dajla, na Feira de Produtos Conxelados de Vigo (Conxemar).

Nesta Feira, celebrada en outubro, participou Atlas Pelagic, empresa que se dedica ao saqueo dos recursos naturais do Sáhara Occidental, o que significa unha violación das sentencias do Tribunal de Xustiza Europeo, que ten expresado a consideración de que o Sáhara Occidental non é un territorio suxeito á soberanía de Marrocos. “É intolerable seguir a ver casos de empresas marroquís que se lucran do saqueo dos recursos naturais do Sáhara Occidental, converténdose en cómplices da ocupación militar ilexítima ao participar do espolio ao pobo saharauí”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.

Trasladada esta situación á Comisión Europea atopámonos cunha actitude cínica pola súa banda, xa que se ben considera que ‘respecta a sentencia do TJUE’ afirma na súa resposta que, respecto á renovación do acordo de pesca e o seu protocolo ‘non hai nada nos termos que implique un recoñecemento da soberanía o dos dereitos soberanos de Marrocos sobre o Sáhara Occidental’, unha afirmación que non compartimos, xa que, “a única autoridade coa que pode negociar calquera acordo comercial que inclúa o Sáhara Occidental é a Fronte Polisario, lexítima representante recoñecida pola ONU”, explica Solla.

Por todo isto, dende Esquerda Unida, seguimos a traballar para que a Comisión Europea acate as sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) e acepte á Fronte Polisario como lexítima representante recoñecida pola ONU, tal e como ditan as normas do dereito europeo e internacional.

Por último, denunciamos de novo a constante actuación antidemocrática do Reino de Marrocos, así como a violación de dereitos humanos respecto ao trato ao seu veciño Sáhara Occidental e reiteramos o noso compromiso a prol dun Sáhara libre.

Relacionados