Esquerda Unida traslada ao congreso as alegacións á Lei de Memoria Democrática tras terse reunido cos colectivos memorialistas

Desde a aprobación do anteproxecto de Lei de Memoria Democrática o pasado 15 de setembro, Esquerda Unida vén mantendo xuntanzas con colectivos memorialistas para traballar de cara á mellora deste Anteproxecto que ademais contempla parte das propostas elaboradas no 2018 por Izquierda Unida no congreso.

Esquerda Unida valora, ao igual que as asociacións memorialistas, o avance cualitativo que supón a presentación desta lei que supera a limitada Lei de Memoria actual que se remonta ao 2007. Non obstante, trasladamos á vía parlamentaria as alegacións que consideramos necesarias para mellorar unha lei tan necesaria como tardía que permita o acceso á Verdade, Xustiza e Reparación, e sobre todo a non Repetición.

Tras o traballo realizado nestes meses, trasladamos ao debate parlamentario as aportacións recollidas durante as xuntanzas con colectivos e asociacións memorialistas, como a inclusión expresa da condena ao golpe de Estado e á ditadura así como a ampliación do período de transición a partires da morte do ditador que permita a inclusión dos últimos fusilados do franquismo e das vítimas mortais que se alongan ata o ano 1983.

A tenacidade e traballo realizado desde os colectivos e vítimas do franquismo son piares fundamentais de traballo para a mellora dunha lei que debe contemplar dereitos ata agora esquecidos, entre os que se atopa a supresión do articulado da lei de Amnistía que obstaculiza a propia investigación dos crimes franquistas.

A inclusión específica dos contido curriculares para asegurar o sustrato ideolóxico e evitar a “dulcificación” da ditadura, a desacralización do Val dos Caídos, a apertura dunha vía para reclamacións e devolucións de bens incautados como consecuencia da Lei  de Responsabilidades Políticas. Estas son entre outras as principais alegacións presentadas para o debate parlamentario desta Lei que consideramos fundamentais para que sexa unha ferramenta útil para garantir a Verdade, Xustiza e Reparación para ás vítimas da ditadura franquista.

Relacionados