Esquerda Unida valora positivamente que o xuíz desestime o sobresemento da causa polo accidente do Alvia

Ante a nova que vimos de coñecer, baseada en que a Audiencia confirma a imputación do ex-director de Seguridade de Adif polo accidente de Angrois, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta da Mesa do Parlamento de Galicia, valora “positivamente” que “se teña desestimado o sobresemento da causa na que está imputado o señor Cortabitarte polo descarrilamento do tren Alvia ocorrido no 2013 en Santiago de Compostela”.

“Entendemos que é positivo que se avance na investigación e que continúe adiante esa imputación, xa que o Tribunal apreciou indicios de actuación deficiente, tal e como ten corroborado a Axencia Ferroviaria Europea, que ten indicado a ausencia dunha valoración independente dos riscos, tal e como reclamaba a Plataforma de Vítimas do Alvia”, explica Eva Solla.

Dende Esquerda Unida entendemos que esta investigación ten que continuar, nun serio exercicio de democracia, e que é necesario levar a cabo un informe independente sobre as circunstancias que rodean a ausencia de seguridade no caso do Alvia.

“É preciso, tamén a necesidade de comparecencias e desas comisións de investigación que, de xeito reiterado, se teñen negado dende o Parlamento de Galicia”, aprecia Solla.

 

Relacionados