Esquerda Unida apoia as mobilizacións a prol da dignidade dos medios públicos

Esquerda Unida súmase e chama a participar na manifestación que reivindica a dignidade dos medios públicos de comunicación de Galicia, que terá lugar o vindeiro sábado 8 de setembro en Compostela, e está convocada polo Comité Intercentros da CRTVG e o Comité de empresa da RTVE en Galicia, apoiada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A saída da manifestación está prevista para as 10.30 horas dende a sede da CRTVG en San Marcos (Compostela).

Dende Esquerda Unida defendemos a necesidade de contar cuns medios públicos de calidade, que garantan o dereito a unha información veraz, obxectiva e non manipulada, xa que entendemos que é vital termos uns medios públicos que estean ao servizo da cidadanía e non que esta se sinta desinformada, manipulada ou excluída dos asuntos públicos.

Doutra banda, para Esquerda Unida non é tolerable instrumentalizar ás traballadoras e os traballadores de medios públicos, usadas como ferramentas para intervir no mundo político e non deixar que fagan o seu traballo como profesionais da comunicación.

Por todo isto, dende Esquerda Unida trasladamos todo o noso apoio ás traballadoras e traballadores da CRTVG e RTVE en Galicia na loita que están a dar en prol da recuperación deste medio público ao servizo de todas e non dos intereses partidarios, tal como os e as profesionais do medio están a denunciar.

Relacionados