Estéril guerra de pinchos

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que na Coruña creceu a desigualdade e as persoas en risco de pobreza incrementáronse nun 70%, debido ás políticas do PP que promoven o descenso da capacidade adquisitiva dos coruñeses e coruñesas ao tempo que benefician a grandes empresas mediante un sistema de contratación pouco ético e custoso para as arcas municipais, xa que limita a concorrencia.

Existe ademais o risco de que a pobreza se perpetúe a consecuencia do que a desigualdade pode acabar provocando: familias rotas, delincuencia, ou unha cultura da dependencia fronte á que o concello nunca fixo ou non lle soubo facer fronte. Cos datos enriba da mesa, 105.900 inscritos no INEM na provincia, incremento dun 37% dos parados de longa duración ou que na actualidade un 45% dos parados galegos non perciba ningún tipo de retribución pola súa situación laboral.

Esquerda Unida lamenta que PP e PSOE perdan o tempo nunha guerra para ver quen malgastou máis cartos en pinchos e whiskys de Malta. Lamentable a actitude de ambos os dous partidos que amosa o afastado que se atopa o bipartidismo dos verdadeiros problemas da cidadanía. Semella inaudito que PP e PSOE se dediquen ao pueril “e ti máis” en lugar de centrar o debate político en buscar solucións para os preto de 22.000 coruñeses en situación de desemprego, ou as máis de 50.000 persoas que se atopan en risco de exclusión social na nosa cidade, como facemos dende EU, propostas que acompañamos doutras para acadar transparencia e participación cidadá na xestión municipal.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “en lugar de aplicar políticas tendentes a promover a reactivación económica e a xeración de emprego, o equipo do Sr. Negreira centrase en discusións estériles e en adxudicar obras por procedemento negociado a grandes empresas, así o goberno municipal promove que o investimento do concello so serva para que mellore a súa situación económica unha pequena elite, mentres a maioría social sofre”. Con esta perspectiva non se pode saír da espiral da pobreza e da desigualdade, que non o esquezamos, van da man. A nosa aposta é xusto a contraria: investir en igualdade de oportunidades, para a mellora nas capacidades de todos e todas que nos posible ferramentas para crear o nosos propios medios de vida e conseguir que ningún coruñés se quede atrás”.

 

Relacionados