A prudencia que manifestamos débese, en primeiro lugar, á enorme cantidade de diñeiro que lle vai custar ao erario público, case 500.000 euros, e coñecemos de viva voz a realización de estudos técnicos na nosa cidade que custaron moito diñeiro público e que logo non se levaron a cabo e morreron esquecidos; en segundo lugar, as datas nas que se anuncia a adxudicación do estudo son sospeitosamente electoralistas, e todo pode quedar en mera publicidade, nunha nova promesa que logo se volve fume e vento.
Desde Esquerda Unida Compostela agardamos que esta enorme carga de diñeiro público sexa efectiva e que o próximo equipo de goberno da nosa cidade sexa quen de converter en realidade a existencia dun tren de proximidade en Compostela. Só agardamos que ese proxecto non se realice poñendo énfase na intencionalidade de rendibilizar a conectividade coa Cidade da Cultura, xa que entendemos que os problemas de mobilidade son moito máis amplos. Por iso, consideramos imprescindible que o estudo se conecte cun Plan de Mobilidade global.
Esquerda Unida Compostela manifesta, unha vez máis, que un transporte público eficiente e que satisfaga as necesidades da sociedade é unha das mellores medidas para lograr unha cidade máis habitable, máis saudable, máis ecolóxica e cohesionada socialmente.