EU a favor dos corredores verdes logo de resolver o caos circulatorio

 

Esquerda Unida considera que antes de desenvolver corredores verdes para humanizar a cidade, o concello debe resolver os problemas de tráfico mediante un verdadeiro plan de mobilidade como o Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostible (PIMUS) no que EU leva traballando meses de maneira participativa xunto co tecido asociativo coruñés. Pois non cabe dúbida que a redución de mobilidade e de prazas de aparcamento que traen consigo os corredores verdes, resulta insoportábel si previamente non se ha reducido de forma eficaz o tránsito de vehículos.

 

Xa que logo, para o consello comarcal de EU Coruña a creación de corredores verdes é moi positivo para a cidade sempre que sexan consensuados coa veciñanza e planificados correctamente, algo que non fai o concello. Así atopámonos coa sen razón de desenvolver un corredor verde en Orillamar no que se anchean as beirarrúas nunha rúa que apenas ten tránsito peonil e que se atopa pegada ao paseo marítimo.

  

Para César Santiso, coordinador comarcal de EU, resulta esperpéntico que Carmen Marón utilice o argumento de que “é o que se fai nas cidades modernas”, para defender os corredores verdes. Así, César Santiso replicou a concelleira indicando que “en nome da modernidade non se pode reducir a calidade de vida da veciñanza, os gobernantes responsábeis deseñan e planifican con coherencia e rigor antes de executar actuacións.  

 

Santiso coincidiu coas organizacións ecoloxistas na necesidade de reducir o uso de automóbiles na cidade como única vía para mellorar a calidade medio ambiental da Coruña, “os aparcamentos disuasorios ou a ampliación do servizo de transporte público que propoñen, son algunhas das medidas que incorporamos no PRIMUS que estamos a desenvolver. En ese sentido indicou que en breve concertarán entrevistas coas distintas agrupacións ecoloxistas da cidade para amosarlles a iniciativa e recoller as súas achegas.

Relacionados