EU acusa á Xunta de Galicia de vulnerar o principio da coeducación para previr a violencia machista

Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e José Cuenca, membro da área de Educación de Esquerda Unida, denunciaron esta mañá en rolda de prensa a anómala situación en que vive a educación pública en Galicia debido á existencia dos concertos educativos que teñen, cada vez máis, unha mera finalidade competitiva e de lucro.

José Cuenca aproveitou a súa intervención para denunciar “a competencia desleal que exercen os centros privados coa complicidade ideolóxica da Xunta de Galicia, o que supón unha anomalía do sistema educativo, onde impera o lucro sobre o dereito a unha educación pública gratuita e laica”.

Xabier Ron apelou á necesidade de que a orde que permite os concertos educativos non suprima o principio de coeducación. “Un Torquemada perverso goberna Galicia, capaz de poñer en marcha o I Plan de Actuacións para a Igualdade en Centros Educativos de Galicia 2016-2020 e de, cando aínda non rematou o primeiro curso de aplicación, lanzar unha orde de concertos educativos onde se suprime o principio de coeducación como requisito”, denuncia.

Dende Esquerda Unida recalcamos a necesidade de que o Executivo Galego realice unha auditoría de todos os centros concertados para así determinar se realmente son servizos complementarios ou teñen relación de competencia directa. En caso de ter competencia, que se anule o concerto. Doutra banda, cando remate este curso esixirase a avaliación do impacto dos obxectivos e medidas do I Plan de Actuacións para a Igualdade en Centros Educativos de Galicia 2016-2020 para comprobar se efectivamente as medidas para previr a violencia machista da que se constata hoxe un incremento dun 8% nun só ano funcionan ou non.

Relacionados