O Consello Comarcal EU Coruña considera que a misión fundamental dos poderes públicos é velar polo benestar e seguridade das persoas, xa que logo, o Concello como ente público máis próximo á cidadanía, ten a máxima responsabilidade no cumprimento das súas obrigas para asegurar o benestar e seguridade da súa veciñanza.
Con todo, o Concello coruñés desenvolve a dita obriga de desigual maneira, semella que para o Goberno local existen barrios de primeira e de segunda categoría, como o demostra o feito que a veciñanza leve 12 anos esperando a que o concello atenda as súas demandas para a execución dunha actuación que resulta imprescindible para garantir a seguridade vial, ao tempo que melloraría substancialmente a capacidade de mobilidade dos peóns.
Por iso, Esquerda Unida solidarizase coa veciñanza de Pedralonga e apoia a súa reivindicación para construír unha pasarela que permita cruzar de maneira segura a Avenida de Alfonso Molina, pois resulta evidente o perigo que supón cruzar a devandita Avenida transitada por milleiros de vehículos.
O Consello Comarcal de EU Coruña solicita ao Goberno local que non se escude noutras administracións como é habitual, pois o Ministerio de Fomento non so ven de pronunciarse a favor da devandita medida solicitada pola veciñanza dando o seu visto e prace, senón que desenvolveu un proxecto para a súa construción que entregou ao propio Concello coruñés.
César Santiso, Coordinador Comarcal de EU, considera que o atraso na execución deste proxecto pon de manifesto a falta de preocupación do Concello para con os veciños de Pedralonga e Palavea. O que ven a demostrar o trato desigual entre barrios dispensado polo concello. Así o Goberno coruñés non se molesta en facer un pequeno investimento duns 150.000 € para dar resposta a unha demanda que se remonta ao ano 1998.