EU apoia a creación dunha comisión de investigación no caso Someso

 

Esquerda Unida ten denunciado e rexeitado en múltiples ocasións a política urbanística desenvolvida polo concello Coruñés, baseada no “todo vale”. Concretamente o pasado día 9 de outubro, nun comunicado, criticou con dureza a ilegalidade cometida polo concello cando o PSOE gobernaba en maioría absoluta e o actual alcalde era o concelleiro de urbanismo.

 

Xa que logo, o Consello Comarcal de Esquerda Unida apoia a creación da comisión de investigación para esclarecer os trámites que fixo o Goberno Municipal cos terreos expropiados en Someso. Pois como ben é sabido por todos e todas a formación de esquerdas caracterízase por loitar pola transparencia na xestión pública.

 

EU saúda a iniciativa do PP coruñés aínda que a califica de hipócrita e electoralista, pois subliña que no seu momento o propio partido popular votou a favor da devandita actuación urbanística.

 

O Consello Comarcal de EU Coruña demanda maior valentía ao grupo municipal do BNG e anima aos nacionalistas a apoiar a creación de devandita comisión en aras da transparencia. En palabras de César Santiso, membro da Executiva Nacional e do Consello Comarcal de EU, “está é unha boa ocasión para que o grupo municipal do BNG amose coherencia”. “Se antes de estar no Goberno municipal rexeitaban radicalmente a devandita actuación urbanística do Concello, como lle din a cidadanía coruñesa que non van apoiar a creación da comisión?” preguntouse César Santiso.

 

Santiso concordou co concelleiro do BNG Henrique Tello que o PP, con casos abertos como Gürtel, non é un exemplo de transparencia nin é o máis adecuados para solicitar a creación da comisión de investigación, con todo, indicou que “temos que trocar a política pueril do e ti mais…” e subliñou a necesidade de que o BNG apoie a creación da dita comisión para avanzares no grado de transparencia institucional, pois a cidadanía quere saber o que sucedeu realmente e que se depuren responsabilidades.

 

Finalmente, César Santiso reclámao de novo unha rexeneración política na cidade, na que outras forzas políticas, como a esquerda alternativa, poidan achegarse a María Pita para desenvolver outras políticas. Políticas centradas na cidadanía e non no capital, que teñan a suficiente altura de miras para ver máis aló das seguintes eleccións e poñan o acento nas verdadeiras necesidades da maioría social como resolver o grave deterioro social e medioambiental no que nos atopamos.

Relacionados