Esquerda Unida solidarizase co Presidente do Comité de Empresa de Cespa, Miguel Anxo Sánchez e apoia a folga indefinida convocada para o día 2 de xaneiro. A folga que foi apoiada maioritariamente na votación desenvolvida na Asemblea de onte, amosa a determinación do conxunto dos traballadores de Cespa para loitar contra os incumprimentos do convenio colectivo e o inxusto e caprichoso despedimento do seu Presidente.
Semella inaceptábel que empresas concesionarias do concello poidan cometer a ilegalidade de incumprir os convenios colectivos asinados cos representantes dos traballadores como no caso de Cespa que dispón dun cadro de persoal inferior ao negociado e denega días libres aos que os traballadores teñen dereito, ou apliquen medidas represoras contra os traballadores e traballadoras como o despedimento dos seus representantes sindicais, a aplicación de sancións por reclamar traxes de protección, o atraso no pagamento de salarios e pagas extra ou a infiltración dos xefes de servizo na asemblea de onte, cando nunca acoden, para controlar e coaccionar aos asistentes.
Xa que logo, o Consello Comarcal de EU Coruña esixe a inmediata intervención do concello da Coruña para que a empresa concesionaria Cespa cumpra co convenio colectivo asinado e readmita ao Presidente do Comité de Empresa.
Non cabe dúbida que os poderes públicos deben pular polo cumprimento dos dereitos dos traballadores e traballadoras, máis si cabe tratándose de empresas concesionarias de servizos públicos que se nutren dos cartos da cidadanía. É por iso, que Esquerda Unida propón que o concello incluía unha cláusula nos pregos de condicións para a contratación de empresas concesionarias, na que obrigue a dispor de convenios colectivos similares en canto a dereitos aos que dispón os empregados do concello e garante o seu cumprimento.