Esquerda Unida únese ás demandas do conxunto da comunidade educativa e esixe unha serie de demandas. A primeira é a retirada inmediata do decreto de reválidas, imposto polo goberno en funcións do PP en contra das proias Comunidades Autónomas que o terían que aplicar. A segunda, a reversión dos recortes educativos, que supuxeron o deterioro da educación pública coa expulsión de miles de docentes das súas aulas e, a terceira, a derrogación da LOMCE, que segue a implantarse pese a ter sido rexeitada pola gran maioría da comunidade educativa e polo Congreso dos Deputados, ata en dúas ocasións, nos últimos meses.
Por todo isto, Esquerda Unida impulsará e participará activamente en todas as mobilizacións que terán lugar nas vindeiras datas no noso país, nomeadamente na folga convocada a nivel estatal por familias e estudantes para o vindeiro mércores 26 de outubro.
Neste senso, área de Educación de Esquerda Unida, dende o seu irrenunciable compromiso coa educación pública, vén desenvolvendo durante os últimos anos unha intensa campaña contra a LOMCE e os recortes educativos por entender que supoñen un ataque frontal a unha educación pública promotora dun modelo educativo inclusivo, laico e democrático que garanta os dereitos de todos e todas a unha educación de calidade en condicións de igualdade.
Con este apoio, Esquerda Unida sumarase a defensa da loita do estudantado e das familias contra a imposición dun sistema de probas memorísticas, segregadoras, excluíntes e de carácter competitivo, que pretende expulsar a centos de miles de mozas e mozos do sistema educativo sen cualificación e de xeito prematuro, condenándoos a unhas condicións de completa precariedade laboral.
Por último, dende Esquerda Unida, facemos un chamamento á comunidade educativa galega en relación á necesidade de unidade de acción nas mobilizacións contra as políticas educativas do PP, tal como está a acontecer por exemplo no sector sanitario, como factor fundamental para paralización e reversión das mesmas.