Mobilización do naval en Ferrol

 

O Consello comarcal de Esquerda Unida quere facer público o seu apoio á mobilización do naval que vai encher  as rúas de Ferrol este domingo 10 de xuño. Esquerda Unida  anima e chama a participar de xeito masivo á cidadanía da nosa comarca, para respaldar unhas demandas  do sector naval público, que son hoxendía urxentes e fundamentais para os estaleiros e para o conxunto da comarca. Ferrolterra depende do pulso que enfronta ao PP cos intereses xerais da nosa comarca.

 

A inmediata dotación orzamentaria para o dique flotante, a consecución sen máis demora de nova carga de traballo e o levantamento de todas as trabas que se puxeron nestes anos atrás á construción civil pública na nosa ría son os elos dunha reivindicación que apoia a cidadanía de xeito case unánime. EU vai continuar o seu traballo no social e no institucional para arrancar compromisos e realidades aos gobernos do PP.

 

Xosé María Dobarro, coordinador comarcal de EU, advirte da potencia do conflito social que a inacción do PP está a provocar na nosa cidade: “o berro indignado da cidadanía traballadora de Ferrolterra vaise facer escoitar no Madrid dos ministerios do PP”. “O PP somentes deu ate agora demoras e mentiras, cando Ferrol necesito carga de traballo e investimentos” sinala o coordinador.

 

Esquerda Unida vai participar, coma sempre, nesta nova mobilización para na medida das nosas posibilidades facer un contributo a esta loita, dende as rúas, os concellos e o propio parlamento estatal.

 

EU fai un chamado ao PP a que poña fin á escalada de tensión que está a producir na cidade, tensión e angustia, nas máis de mil familias que xa perderon o seu posto de traballo e para os milleiros de traballadoras e traballadores a piques de perdelo pola desidia interesada? do PP. Nas súas mans está garantir a este sector estratéxico da economía galega achegar pedidos de carácter público  e dotalo dos investimentos produtivos que lle permitan acadar outros no eido privado.

Relacionados