O coordinador federal expón como receita para saír da crise aos máis de 20.000 asistentes á manifestación e ao acto político na Porta do Sol de Madrid que “hai que levar e encher cos valores de esquerdas os concellos e os parlamentos autonómicos”.
O coordinador federal de Esquerda Unida, Cayo Lara, situou hoxe a esta formación como “a forza política capaz de dar unha saída pola esquerda á crise”, fronte á “tripla traizón de José Luís Rodríguez Zapatero” tanto aos seus propios votantes como ao conxunto dos traballadores. Lara asegurou que “a xente de esquerdas en España non está orfa a pesares deste Goberno. Aí esta Esquerda Unida e estamos dispostos a darlles unha resposta. A Zapatero votáronlle moitos traballadores e logo gobernou contra eles e para os poderosos. Votáronlle os ecoloxistas e apoia xunto ao PP as nucleares. Votáronlle os pacifistas e, ao final, levounos á guerra. faltou a todas as súas palabras e cando alguén fai iso non lle queda nada máis”.
O responsable federal de IU expuxo estas ideas no acto político da Porta do Sol co que se puxo o colofón á multitudinaria manifestación na que máis de 20.000 persoas reivindicaron polas rúas de Madrid outra forma de facer política e situáronse ‘Contra os recortes, polas pensións, o emprego e os dereitos sociais’, o lema co que se convocou a marcha.
Durante o seu discurso de pouco máis de 20 minutos a un auditorio no que non faltaron militantes e simpatizantes chegados a Madrid desde a maioría das federacións que compón IU, Lara animou a apoiar “unha alternativa ao que está pasando, que só pode vir pola esquerda. Ten que haber unha filosofía e uns valores de esquerda, e ser aplicados por persoas de esquerda”.
Do mesmo xeito, e coa vista posta nos próximos comicios do 22M, sinalou que “hai que levar e encher con eses valores de esquerdas os concellos e os parlamentos autonómicos”, e debe facerse, recalcou, “con participación, honestidade, transparencia, solidariedade e xustiza social, igualdade, compromiso colectivo, xenerosidade, solvencia… en definitiva, os valores que sempre nos caracterizaron”.
Cayo Lara sentou as bases do que será un dos seus eixos para a próxima campaña electoral ao destacar con vehemencia que “somos a única forza política de ámbito estatal que defendemos aos traballadores e traballadoras, tamén aos empregados públicos porque somos os que máis defendemos o público fronte aos recortes e aos ataques profundos que están sufrindo”.
O dirixente federal mostrou a súa confianza nas persoas que apoian esa loita “como vós, que vos paseades a corpo polas rúas de Madrid como dixeron Celaya e Dolores Ibarruri. Vós sodes os primeiros, como o foron aqueles que lograron as conquistas sociais, laborais e civís que tamén tiveron que defender outros primeiro, como vós”.
Pero tamén sinalou a súa decidida aposta polo que significa un proxecto “que non é un fin en si mesmo senón que é un instrumento, e o é para conseguir un país con democracia plena, que non se poña de xeonllos ante os poderosos, os mercados e os banqueiros, senón que logre que eles nos respecten”.
Lara debullou as súas reiteradas denuncias sobre os contidos da política de ‘axuste duro’ e de continuados recortes que leva aplicando o Goberno socialista, pero destacou que Izquierda Unida ten un discurso en positivo e con alternativas. “Non somos a organización do ‘non’, somos a forza do ‘si’. Si ao emprego digno e con dereitos; si ao dereito á vivenda; si ás relacións laborais xustas; si a unha pensión digna; si a un pacto social europeo; si a unha democracia soberana e plena; si á enerxías renovables; si á Paz e á solución negociada aos conflitos, si á honestidade na vida pública”.
A honestidade política e o tallante rexeitamento á corrupción ocuparon unha parte importante da intervención. Tras advertir que desde o poder económico, os mercados e as súas antenas mediáticas “algúns se empeñan en facer crer que todos somos iguais tratando de conseguir o desafecto da política”, destacou que “non todos somos iguais, nin no pasado, nin no presente, nin o seremos no futuro”.
Chegados a este punto, Cayo Lara advertiu de que “está claro que Rodríguez Zapatero elixiu a saída de dereitas e o resultado foi máis crise e máis paro. Por iso hai que saber que non se debe buscar a saída na dereita do PP. Piden confianza pero se lles deixase montarían unha Gürtel en toda España. Non son alternativa de goberno porque aplicarían as mesmas receitas de Zapatero pero cunha volta de porca máis. É pasar de ‘Guatemala a Guatepeor'”.