EU denuncia a indiferenza do PP aos cortes de luz en Galicia e defende un novo modelo enerxético que aposte pola sustentabilidade

Esquerda Unida mostra a súa perplexidade ante a pasividade dun goberno que non está a facer absolutamente nada para resolver os problemas cos cortes de enerxía eléctrica que asolagan Galicia dende fai seis días. Con este temporal padecido, acreditáronse graves erros de mantemento e reparación da rede eléctrica e que prexudican gravemente ás familias galegas. O Goberno do PP demostra, coa súa pasividade, que está ao servizo das eléctricas e que nada está a facer ante o grave prexuízo económico que seguen a sufrir, por exemplo, diversas explotacións gandeiras do noso país.

Para Esquerda Unida, os prezos da luz son un todo un roubo legal por parte das eléctricas e, coa problemática derivada sobre a pobreza enerxética no noso país, non é nada raro que o debate da nacionalización se manteña á orde do día. De ser as eléctricas estatais, non estaríamos a falar da luz como dun obxecto de enriquecemento dos máis ricos, que suben o prezo nos días máis fríos, favorecendo os intereses empresariais en detrimento das persoas usuarias. Sobre todo, porque a luz non pode ser un obxecto de consumo, senón un dereito básico das persoas.

Por todo isto, dende Esquerda Unida reiteramos a necesidade de que se traballe para conseguir a nacionalización das eléctricas, cumprindo así unha demanda cidadá, xa que entendemos que dende o público débese xestionar a produción e distribución da enerxía, así como apostar por levar adiante un modelo de enerxía limpa da man das renovables, toda unha prioridade urxente.

Ler en:

Tercera Información

Relacionados