EU denuncia a intención do Goberno da Xunta de afondar na mercantilización do servizo de transporte escolar

A área de Educación de Esquerda Unida considera que co recente anuncio de abrir as liñas de transporte escolar a calquera persoa, o goberno da Xunta busca afondar no modelo de corte economicista aplicado polo executivo galego ao longo dos distintos gobernos Feijóo, isto é: someter todo o proceso educativo aos criterios da rendibilidade económica.

A área de Educación de Esquerda Unida defende que o transporte escolar é un servizo público integrado no proceso educativo e non un complemento do mesmo. Xa non é que sexan as propias empresas de transporte as que diten en moitas ocasións o horario a aplicar nos centros -lémbrese, a modo de exemplo, a loita de pais e nais do CPI Os Dices de Rois para conseguir manter un digno servizo de comedor escolar-, indo en contra mesmo de criterios pedagóxicos, senón que agora perséguese que o seu beneficio se vexa -tal como acontece cos centros educativos privados- duplicado.

Con esta proposta, o que debera ser un servizo educativo básico cobra un carácter comercial ao poder usarse como se usan as liñas de transporte ordinarias. Existen lugares do rural galego que, a día de hoxe, reclaman unha parada de autobús para que os nenos e nenas que viven alí podan desprazarse ata o seu centro docente.

Se se mercantiliza este servizo, córrese o risco de que as paradas acaben situándose nos lugares que sexan considerados pola empresa como máis rendibles e que desaparezan dos emprazamentos menos rendibles, desentendéndose así das necesidades reais do alumnado. Desta maneira desvirtúase o obxectivo principal deste servizo: prestar un servizo esencial ao alumnado e súas familias, dando resposta ás súas necesidades.

O proceso educativo ten uns tempos e uns espazos que deben ser respectados máis aló de calquera interese económico. Para Esquerda Unida o transporte escolar debe ser considerado como unha extensión do centro educativo, e, xa que logo, as persoas adultas que ocupen dito espazo debe estar capacitados para xestionalo.

Por iso, esiximos que o transporte escolar sexa un servizo educativo xestionado desde as administracións públicas e non unha mercadoría coa que as empresas privadas especulen, pensando exclusivamente na súa balanza de beneficios económicos.

 

Oito anos lexislando contra o rural galego

O rural galego padece as consecuencias de anos de desleixo da Xunta de Galicia. O proceso de desertización do rural é froito non só de índices regresivos desde o punto de vista poboacional (escasa natalidade, elevada mortandade e incesantes movementos migratorios), senón que responden a unha mala planificación sobre a natureza dos servizos públicos necesarios para que a poboación se fixe e resida nun espazo territorial determinado.

Esquerda Unida leva anos denunciando esta desastrosa política que se asenta no cálculo posibilista e rendibilista dos servizos que presta a Xunta e non nunha visión de cohesión social e territorial, de igualdade entre todos os galegos e galegas, residan onde residan, de aproveitamento das propias condicións do rural. En vez de dinamizalo, cada ano a Xunta pon un atranco máis.

Un dos servizos públicos máis imprescindibles para fixar poboación no territorio é a educación. No entanto, en vez de afortalar este servizo no rural, a Xunta optou por ir pechando escolas unitarias, pechar unidades escolares, sen escandalizarse por mesmo concertalas con empresas privadas da educación.

Relacionados