EU denuncia o intento do PP de agochar contratos, fondos económicos e certificacións de seguridade da base de drons de Rozas

O PP quedouse en solitario na votación sobre a iniciativa que En Marea levou até o Congreso,onde o resto de grupos políticos manifestaron a súa vontade de solicitar máis información sobre o uso militar do aeródromo de Rozas, agás o PP, que pretende seguir a propiciar toda unha historia repleta de ilegalidades e mentiras que xa rodean ao proxecto estrela do Goberno Feijóo nos “estertores da súa lexislatura”; unha fraude que dende Esquerda Unida, AGE, e agora tamén dende En Marea, seguimos a denunciar.

Tal e como explica o deputado de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida, Ramón Vázquez, “mentres todos os grupos votaron que si á transparencia, sorprendentemente, o PP votou en contra, poñendo de manifesto o seu interese en seguir a agochar información. Isto non é máis que a punta do iceberg dun proceso fraudulento que remata na adxudicación, por concurso, da firma Indra como responsable do desenvolvemento do proxecto de drons de Rozas, unha firma que está a ser na actualidade investigada pola súa implicación de pagos en B no Marco da operación Púnica na que se atopan inmerso importantes cargos do Partido Popular en Madrid”, sinala o deputado.

“O caso de Indra é escandaloso. Despois de que o Ministro de Defensa, Pedro Morenés, se fixera co control político da empresa, a través do acordo do Consello de Ministros do 25 de xullo de 2014, protagonizando así outro sonoro pelotazo do actual responsable da carteira de defensa e anteriormente Presidente Executivo da Multinacional do Armamento EADS, fabricante do dron Atlante desenvolvido en Rozas. Indra foi comprada por 337 millóns de euros a Bankia e o Ministro de Defensa puxo ao fronte de INDRA a Fernando Abril-Martorell, fillo do Ministro franquista do mesmo nome”, conta.

Segundo explica Ramón Vázquez, “o convenio que a Xunta vai asinar en abril, incumpre a Lei de Contratos Públicos por adxudicarse a unha empresa que non reúne os requisitos de “solvencia económica e financeira” esixidos pola propia Lei.Indra  acumula débedas por máis de 700 millóns de euros dos que 641 pertencen só ao ano 2015.  As accións da empresa caeron un 50% dende o ano 2008 pasando dos 20,5 euros por acción aos 10,08 euros que vale cada título na actualidade. Indra presentou este verán un ERE que implicará o despido de 1.750 traballadores, polo que cabe preguntarse se a empresa ten pensado sanear as súas débedas co diñeiro de todos os galegos e galegas e coa complicidade do  señor Feijóo”, reflexiona.

“Finalmente, cabe recordar que coa iniciativa de En Marea ínstase ao Goberno a que este ofreza información das probas con drons; a facer públicos os contidos do convenio asinado pola Xunta de Galicia co Ministerio de Defensa; a achegar o contido doConvenio asinado entre o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial dependente do Ministerio de Defensa, o Concello de Castro de Rei, a Deputación Provincial de Lugo e o Real Aeroclub de Lugo e, por último, a que se faga público o modelo de xestión e procedencia de recursos investidos e os criterios respecto do Plan de Investimentos asociado á privatización e as previsións en materia de compra pública innovadora vinculada á industria dos drons”, explica.

Vázquez avisa de que, dende AGE, vai seguir este tema “para saber se realmente o fin é situar a Galicia como un lugar de interese geoestratéxico para un escenario militar”.

Relacionados