EU denuncia que a medida da Xunta de propoñer aos Concellos a baixada de impostos para atraer empresas é unha irresponsabilidade fiscal

Esquerda Unida considera unha irresponsabilidade fiscal, máxime en tempos de crise, así como un ataque ao principio constitucional da autonomía local, a medida presentada pola Xunta de Galicia que propón que os concellos reduzan ou supriman os impostos e as taxas municipais, ademais de abaratar o chan industrial, a cambio de ter prioridade na concesión de subvencións autonómicas.

“Esta medida centralizadora, presentada á Comisión Galega de Cooperación Local e á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é un grave ataque á autonomía e capacidade de actuación dos concellos, xa que a medida debería ser xustamente a contraria: dar a capacidade aos entes de aumentar a presión fiscal  cando o consideren necesario”, explica Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea.

“Os concellos galegos teñen unha presión fiscal moi baixa, polo que esta medida que condiciona o acceso a axudas e fondos da Xunta á sumisión dos gobernos locais na rebaixa impositiva resulta unha inxerencia e un grave chantaxe para os concellos galegos”, sinala Díaz.

Relacionados