EU esixe a paralización da orde de expulsión de Hassana Aalia

Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE denunciou está mañá en rolda de prensaque “estamos permitindo que se constrúa unha sociedade do medo; unha sociedade que penaliza o activismo, unha sociedade e que penaliza a solidariedade”.

Neste senso, Xabier Ron denunciou o denigrante proceso que “está a vivir o español e saharaui Hassan Aalia, posto que foi detido por unha cuestión racial, cando xa existía unha orde xudicial de paralización da súa expulsión”.Deste modo, Xabier Ron pedirá ao Parlamento de Galicia, a través do Intergrupo Paz co Sahara, a paralización do procedemento aberto na Comisaría de Burgos e, por outro, que a Audiencia Nacional paralice a súa expulsión.

Ron lamenta o xeito de proceder do Goberno, xa que as autoridades españolas arrestaron a Hassana nun tren o pasado martes e a Policía, a pesar de que o mozo activista saharauí ensinoulles o recurso que ten presentado ante a Audiencia Nacional para frear a súa expulsión a Marrocos, onde está condenado a cadea perpetua, lle abriron de igual modo un procedemento sancionador que pode acabar nunha segunda orde de expulsión. O seu avogado xa presentou o recurso necesario e espérase que este venres haxa unha resolución.

Neste punto, Xabier Ron incide que o Goberno sabe que a súa expulsión a Marrocos significa “libralo á arbitrariedade xudicial, ás torturas e á impunidade que gobernan os Territorios Ocupados o que pode significar tamén a súa morte”, advertiu. “Non se pode estar entre as vítimas e os verdugos”, clarificou, e “España e a comunidade internacional teñen un deber de solidariedade co Sahara”.

Hassana, orixinario do Aiún, é un dos 25 activistas xulgados por Marrocos por participar nos campamentos da dignidade de Gdeim Izik. Foi condenado primeiro a catro meses de cárcere por un tribunal civil, que non cumpriu ao non ter antecedentes. Unha vez en España, onde veu estudar cunha bolsa, Marrocos comunicoulle unha segunda condena, esta vez a cadea perpetua e emitida por un tribunal militar.

Respecto o dereito ao asilo, Xabier Ron incide en que “o asilo político é un dereito básico, e as migracións por persecucións políticas sempre existiron e sempre foron, sistematicamente, rexeitadas a diferencia de antes a agora e que a opinión pública é consciente do que sucede e esixe aos seus representantes que actúen en consecuencia”.

Neste senso, Ron esixe á Xunta de Galicia que elabore un programa completo de asistencia social e económica para os refuxiados que cheguen ao noso país. Para iso, o deputado de AGE presentará máis iniciativas “para levar acabo de forma coordinada un plan ben estruturado sobre as persoas que solicitan asilo político no país no que figure o aloxamento, asesoramento, integración educativa e formativa e atención psicolóxica; un programa completo para que estas persoas sexan cidadás de pleno dereito”, recolle.

Relacionados