A área de Paz e Solidariedade de EU de Vigo presentou hoxe no rexistro do concello de Vigo unha proposta de moción en solidariedade cos activistas saharauis xulgados que Marrocos, tras ser detidos no Aiún e a pesar de non ter xurisdición sobre o Territorio non Autónomo do Sahara Occidental, xulgou nun tribunal militar acusados de asasinato de policías marroquíes.
EU lembra que a xuízo de numerosos observadores internacionais este proceso non contou coas debidas garantías por falta de probas. As armas coas que supostamente foron asasinados os axentes carecían de impresións dixitais dos acusados. Ademais, só se practicou unha proba forense e non se realizou ningún test de ADN.
A moción insta ao Concello de Vigo a subscribir o mandato do Parlamento Europeo á XXII sesión do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas e esixir ao reino de Marrocos a liberdade de todos os presos políticos saharauís, incluído o Grupo de 24 presos de Gdeim Izik, recentemente condenados por un tribunal militar marroquí, así como pedir a protección dos dereitos fundamentais do pobo saharauí, destacar a necesidade dun mecanismo internacional de seguimento dos dereitos humanos no Sahara Occidental e apoiar unha solución do conflito baseada no exercicio do dereito á autodeterminación do pobo saharauí, como establecen numerosas resolucións das Nacións Unidas.
Igualmente solicita ao Concello de Vigo enviar o presente acordo ao Ministro de Asuntos Exteriores, Embaixador de Marrocos en Madrid, ao Presidente do Congreso de Deputados, ao Presidente do Senado, Presidente do Parlamento Europeo e á Alta Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade.