EU fai un chamamento á participación na manifestación a prol da sanidade pública

Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e deputada de AGE, recordou hoxe no Parlamento algúns exemplos dunhas políticas de recortes que deixan ver como a destrución da sanidade pública, universal e gratuíta segue a ser un dos obxectivos prioritarios de Alberto Núñez Feijóo. Neste senso, tamén animou a participar na manifestación “Rescatémolos para a Sanidade Pública”, convocada por SOS Sanidade Pública e a xunta de Persoal da área Sanitaria, en referencia ás eivas actuais da sanidade pública e ás que afectan máis directamente ao Álvaro Cunqueiro e ao Hospital Xeral.

É por iso que dende Esquerda Unida chamamos ás persoas a voltar ás rúas a prol da sanidade pública oito meses despois desa gran manifestación que reuniu a 200.000 persoas en Vigo e, a día de hoxe, o presidente da Xunta de Galicia segue sen propoñer as ferramentas adecuadas para mellorar as eivas da nosa sanidade, xa que a carencia de organización e os múltiples problemas do novo hospital Álvaro Cunqueiro seguen á orde do día.

Dende Esquerda Unida recordamos que as políticas de recortes deixan situacións moi difíciles para as persoas que agardan por unha intervención e mostran o máis forte desprezo aos pacientes afectados que financian cos seus impostos un sistema sanitario público, non un negocio para os amigos do PP a costa da saúde da cidadanía. 

Relacionados