EU Pregunta ao goberno sobre a contaminación dos ríos de Ourense

 

As preguntas, para as que se solicitou resposta escrita, foron:

 

1.- Ten coñecemento o Goberno dos verquidos incontrolados que se veñen producindo impunemente nos ríos Barbaña, Lonia e río dos Muíños?

 

2.-  Que medidas preventivas, de inspección, control da calidade das augas, protección  e mellora para o desenvolvemento da vida piscícola, especialmente para a aplicación efectiva da Orde de 16 de decembro de 1988, se están a adoptar?

 

3.- Ten previsto o goberno adoptar medidas coercitivas e dar instrución á Fiscalía para que persiga de oficio os delitos ambientais por verquidos incontrolados nestes ríos?

 

Nestes últimos anos, a situación dos ríos de Ourense pódese calificar de crítica por culpa dos incesantes verquidos contaminantes. Estas emisións, nomeadamente de orixe industrial, ademais de deteriorar enormemente os ecosistemas fluviais supoñen un auténtico perigo para a saúde pública. A día de hoxe, pódese dicir que, aparte das importantes carencias de saneamento das augas residuais urbanas, o principal problema estano a causar os constantes escapes dende os polígonos do extrarradio (Pereiro, San Cibrao, Parque Tecnolóxico e Barreiros). Tal como constatan os ecoloxistas, os ríos estanse a converter inevitablemente en simples canles fluviais bioloxicamente mortas.

 

Perante a neglixente desatención por parte dos poderes públicos neste asunto, Esquerda Unida está desenvolvendo iniciativas de apoio permanente aos grupos ecoloxistas e ás diferentes asociacións cidadanas, como a Plataforma Ríos Limpos, nun decidido intento por evitar o irreversible deterioramento do noso entorno.

 

Os nosos esforzos céntranse, principalmente, en presionar ás institucións públicas para que velen polo cumprimento estrito das leis de protección ambiental, en esixir a implantación de mecanismos de depuración de todas as augas residuais e na denuncia documentada de calquera infracción da que teñamos constancia, instando as correspondentes actuacións perante a Xustiza. Consideramos especialmente urxente poñer fin á inexplicable impunidade da que veñen gozando un  bo número de empresarios irresponsables que destrúen o noso entorno en benefizo propio. Non cesaremos de traballar para que, ante cada un dos verquidos, se logren impoñer rigorosamente as correspondentes sancións administrativas ou condeas xudiciais e se logre a reparación do dano causado.

 

Ata agora, as institucións e organismos públicos obrigados a velar pola protección do medio e da saúde dos cidadáns veñen desatendendo dun xeito inaceptable a súa función de facer cumprir a Lei, por iso EU decidiu levar tan relevante asunto ata o Parlamento español. Confiamos en que actuacións coma esta sirvan para poñer en evidencia un gravísimo problema medioambiental que ven sendo fonte de constante preocupación na cidadanía de Ourense nos últimos anos.

Relacionados