EU propón un paquete de medidas para reactivar a economía local

 

 

Se ben e certo que o devandito aumento, en termos porcentuais, reflicte a media do acontecido no resto da comarca, tamén o é que o concello coruñés dispón de moitos máis recursos para intervir na economía local, mediante axudas e promoción ao emprego, xa que logo o consello comarcal de EU considera que o aumento nun 50% do número de parados na Coruña dende que comezou a crise amosa con claridade o fracaso do Goberno local en materia económica, incapaz de articular políticas acordes coa necesidades actuais.

 

Diante da parálise que está a amosar o concello, Esquerda Unida propón un paquete de medidas encamiñadas á reactivación económica coruñesa que permita xerar emprego estábel e de calidade. As devanditas medidas mellorarían o desenvolvemento económico da cidade e por conseguinte, aínda que non sexa unha tarefa propia dos concellos, fomentarían a creación de emprego a través  da oferta de    servizos básicos de xestión para PYMES e autónomos, os verdadeiros motores da nosa economía local e xeradores do 80% do emprego. Xa que logo EU propón a creación do Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME), consistente en cubrir as necesidades básicas as que se enfronta unha empresa de nova creación, como acceso a oficinas administrativas de uso compartido, comunicacións, loxística administrativa ou servizos administrativos, contables e tributarios. Así, mediante unha taxa, fomentaríase a creación de novas empresas viábels e xeradoras de emprego, que por falta de capacidade económica os emprendendores son incapaces de constituír.

 

O devandito servizo estará dispoñíbel para cooperativas, PYMES e autónomos que cumpran unha serie de requisitos básicos, como un estudo de viabilidade económica, a creación de emprego estábel e de calidade, ou a redución da dependencia do petróleo na súa actividade económica, para que o tecido coruñés este en mellores condicións para afrontar a crise enerxéitca en cernes derivada do cénit do petróleo, algo do que o Goberno local non está nin a valorar nas súas actuacións.

Relacionados