EU rexeita o plan de residuos da Xunta

 

 

O modelo Sogama proposto pola Xunta consiste nunha simple vía de escape, non nunha solución seria ao control dos residuos. As macroplantas como a proxectada supoñen enormes custos para os Concellos, resultan difíciles de xestionar, son socialmente inxustas e non poden garantir a seguridade durante o seu funcionamento. Ademais, a súa porcentaxe de recuperación de materiais é insignificante e as súas emisións, desmesuradas e sen control. A nova Sogama do sur non estará en condicións de resolver o problema ao apostar pola técnica obsoleta da incineración e por un modelo de xestión privada baseada no lucro. Estas instalacións resultan rendibles aos empresarios precisamente porque queiman residuos evitando gastos en recuperación e reciclaxe, a pesar de que estas son dúas das prioridades que marcan as Directivas da UE e que son expresamente recollidas no proxecto de Esquerda Unida.

 

Esquerda Unida propón un modelo de residuos descentralizado que recolle as tres liñas básicas de actuación, irrenunciables para calquera plan de tratamento de residuos social e ambientalmente sostible: redución, reutilización e reciclaxe. A tendencia ten que ser o “residuo cero”, eliminando as desfasadas opcións da “valorización” (incineración) xeradoras de grande cantidade de dioxinas altamente dañinas para a saúde humana e a dos vertedeiros, perfectamente substituíbles por outros mecanismos de xestión.

 

Trátase de solucionar o problema na súa orixe, sobre todo de non seguir fabricando produtos difíciles de recuperar ou reciclar e reducindo sensiblemente o consumo de recursos materiais. O establecemento dunha fiscalidade verde e dunhas disposicións lexislativas que regulen a adaptación das empresas aos novos xeitos de produción, así como lograr un cambio radical de mentalidade dos usuarios son iniciativas que xa non se poden pospoñer en vista da gravísima deterioración ambiental que padecemos.

 

Dende Esquerda Unida defendemos a xestión pública dos residuos e un cambio de paradigma que permita concibilos como materiais perfectamente recuperables e reutilizables, complementando ese cambio con medidas eficaces como a recollida a domicilio coa fin de reducir os rexeitamentos. Esiximos, ademais, unha xestión descentralizada: pequenas plantas comarcais de compostaxe e reciclaxe con impacto ambiental mínimo, xeradoras de máis postos de traballo, que permiten importantes aforros en transportes e emisións de CO2 e se adaptan mellor á dispersión de poboación galega. Respecto ás decisións administrativas, Esquerda Unida, considera prioritario que se potencie a supervisión e a participación nos proxectos de medio ambiente por parte dos cidadáns, sen que sexa admisible ningunha clase de ocultación de información relevante nin as prácticas antidemocráticas que ven amosando o goberno da Xunta neste tipo de procesos.

 

Finalmente, cómpre insistir en que a única razón pola que a Xunta implanta o método incineración/vertedeiro é pola súa alta rendibilidade para a empresa privada. Unha xestión pública baseada na minimización compensa sobradamente esa aparente falta de beneficios grazas ás súas indiscutibles vantaxes sociais, ambientais e sobre a saúde pública, ademais de facilitar a instauración dunha puxante industria verde que, máis ca unha promesa de futuro, ven sendo xa unha ineludible realidade. Estes beneficios colectivos son as prioridades da política de Esquerda Unida, e por iso esiximos un cambio radical de discurso e a paralización inmediata dun proxecto totalmente obsoleto e insostible.

Relacionados