EU sae ás rúas contra a sentenza do Constitucional que facilita o despedimento para as e os traballadores con baixas médicas

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia participou esta mañá na concentración convocada polos sindicatos diante do xulgado de Vigo contra a sentenza do Tribunal Constitucional que legaliza o despedimento para as e os traballadores con baixas médicas intermitentes.

“Esta sentenza vai en continuidade das dúas reformas laborais e vai directamente en contra da saúde ao traballo, xa que avala que as e os traballadores poidan ser despedidos por unha incapacidade temporal”, di Eva Solla, que apunta que “o fallo ten un efecto nocivo contra a clase traballadora, xa que permite ás empresas despedir impunemente ás e aos traballadores de baixa”.

“Dende Esquerda Unida sinalamos que esta sentenza vai en contra dos dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores e esiximos de novo que se derroguen as reformas laborais actuais e que se regule unha lexislación para protexer ás persoas e os seus dereitos. É indecente que no noso país teñamos un despido case gratuíto e agora tamén un despido por causas que son incompatibles co dereito á protección da saúde ao traballo”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Esquerda Unida considera que a sentenza do Tribunal Constitucional está a xerar unha gran indignación, xa que criminaliza ás e aos traballadores que se poñen enfermos e limita o dereito á incapacidade temporal xustificada por prescrición médica, o que deixa por riba a liberdade de empresa antes que a saúde das e dos traballadores.

Relacionados