Esquerda Unida solicita na Audiencia Provincial a nulidade do sobresemento da causa do carrexo de votos, xa que considera vergoñento que altos cargos do PP saian impunes

Esquerda Unida presentou ante a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo a solicitude de nulidade do auto de pasado 11 de abril no que se sobresía a causa e arquivaban as actuacións referentes á investigación dun delito electoral presuntamente cometido por altos cargos do Partido Popular lugués, ao carrexar votos de persoas anciás e impedidas residentes no asilo Hogar de San Roque.

Esta petición de nulidade, previa ao recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, baséase no que se considera unha aplicación arbitraria da normativa legal, que vulnera directamente o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva en relación a garantir outro dereito tamén fundamental, o de participar nos asuntos públicos por medio de representantes libremente elixidos.

Neste senso, o escrito presentado por Esquerda Unida expón que o auto emitido pola Audiencia Provincial realiza unha aplicación do dereito arbitraria, que ten como resultado a conclusión de que os feitos que constan acreditados, non son constitutivos, nin sequera con carácter indiciario, de delito. Con este argumento, a Audiencia ditaminou o sobresemento provisional, por considerar “non debidamente xustificada a perpetración do delito que deu motivo á formación da causa”, a pesares de recoñecer no propio auto que os feitos denunciados dende a agrupación comarcal de Esquerda Unida Lugo, que o mesmo tribunal cualifica de reprochables ética e socialmente, quedaron acreditados con probas documentais e gráficas.

Esquerda Unida denunciara ao PP de Lugo despois de que o entón deputado de AGE, Ramón Vázquez, e o entón coordinador de Esquerda Unida de Lugo, Carlos Portomeñe, fosen testemuña de ver chegar a monxas e aos membros do PP de Lugo, José Luís Iravedra, Teresa Taboada, Serafín Rodríguez e Benigno Gómez, levando ás persoas do asilo a votar portando a súa papeleta nun sobre pechado desde a saída da residencia. Dende Esquerda Unida consideramos lamentable a decisión do auto emitido en abril na que os altos cargos do PP lugués saíran impunes de delito electoral coa decisión da Audiencia de acordar o sobresemento provisional e arquivo de actuacións no caso do carrexo de votos, así como un gran paso atrás na loita en materia de rexeneración democrática.

É por iso que Isabel Sánchez, coordinadora comarcal de Esquerda Unida Lugo e membro do Consello Nacional de Esquerda Unida denunciou que “estanse a ignorar feitos probados de suma gravidade, polo que a democracia en si mesma perde sentido se non ten consecuencias penais que un colectivo vulnerable sexa forzado a exercer o seu dereito a voto de forma dirixida, aínda quedando probado, como así certificou o Instituto de Medicina Legal de Galicia, que tiñan as súas capacidades cognitivas alteradas”.

 

Voto particular da Maxistrada Ana Rosa Pérez Quintana

Tamén lembramos que o pasado auto, que deixa impune a cargos do PP, contaba cun voto particular da Maxistrada Ana Rosa Pérez Quintana, que discrepaba da decisión dos seus compañeiros do Tribunal e, efectivamente, consideraba que existía un delito electoral. É dicir: que había carretaxe, pero parece que, para a Audiencia Provincial de Lugo, este non encaixaba nos delitos tipificados na Lei Electoral.

Ao xuízo da maxistrada, existían “indicios racionais suficientes de que as persoas trasladadas a votar non tiñan a capacidade cognoscitiva suficiente” e xustificaba a súa postura citando cinco casos de anciás trasladadas, a partir dos testemuños, para ir votar e decidir por quen facelo. A maxistrada explica claramente que debería ter sido estimado o recurso interposto por Esquerda Unida e ser chamada a declarar como investigada a directora da residencia da terceira idade.

Con estas apartacións, consideramos que a resolución da audiencia é contraditoria en si mesma e que non satisfai ao canon constitucional, ao prescindir da motivación esixida constitucionalmente de garantir a elección libre dos representantes públicos, posto que non se observan no auto as normas legais esenciais que tutelan este dereito fundamental. Por iso, “outorgamos a oportunidade de que se repare a vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva, anulando a actual resolución e emitindo un novo ditame, antes de acudir, de ser preciso, á demanda de amparo constitucional”, expresa a coordinadora comarcal de Esquerda Unida Lugo.

É por isto que dende Esquerda Unida vemos necesario seguir no traballo da defensa e da loita pola rexeneración democrática, xa que é verdadeiramente terrible e vergoñento gañar unhas eleccións por medio denigrando ás persoas.

Relacionados