EU traslada todo o seu apoio aos presos saharauís encarcelados nas protestas de Gdeim Izik

En outubro de 2010, o campamento Gdeim Izik pasaría a ser o primeiro “campamento da dignidade”, lugar dende onde se solicitarían demandas tales como o cese da violación dos DD.HH. e da ocupación ilegal do Sáhara Occidental e a petición do Referéndum para un Sáhara libre. “Esta primeira mostra de acción popular pacífica para reclamar, en outras palabras,  pan, traballo e teito pronto se expandiría ata países como Libia e Exipto, provocando o inicio da máis coñecida como primavera árabe”, explica o deputado de AGE e membro da dirección de EU Xabier Ron.

Non obstante, uns 24 saharauís que se opuxeran ao violento desmantelamento do campamento de Gdeim Izik teñen que soportar unha condena a máis de 20 anos de prisión e, para outros, a cadea perpetua. Fronte a esta situación, Ron recorda que “partidos políticos e diversas organizacións humanitarias esixen a  liberación inmediata de todos os presos políticos saharauís”.

“A sentenza que promulgara un xuízo militar, carente de garantías, é unha auténtica ignominia e unha absoluta inxustiza e vulnera as normas que deben rexer a xustiza e a equidade. Os 24 activistas di campamento de Gdeim Izik xa tiveron que sufrir unha situación de prisión preventiva durante máis de dous anos (o cal vulnera o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos), e foron inxustamente condenados por defender os dereitos do pobo saharauí”, di Ron.

“Este é o caso de Hassana Aalia, orixinario do Aiún, e un dos activistas xulgados por Marrocos por participar nos campamentos da dignidade de Gdeim Izik. Foi condenado, primeiro, a catro meses de cárcere por un tribunal civil, que non cumpriu ao non ter antecedentes. Unha vez en España, onde veu estudar cunha bolsa, Marrocos comunicoulle unha segunda condena, esta vez a cadea perpetua e emitida por un tribunal militar.  Mentres, no cárcere de Salé, en Marrocos, hoxe se cumpre 10 días de folga de fame indefinida, iniciada por 13 presos saharauís que se atopan encarcerados inxustamente”, sinala Xabier Ron.

Co fin de denunciar esta terrible situación de violación sistemática de dereitos humanos e solicitar a liberdade inmediata dos presos políticos, Esquerda Unida unirase ao chamamento de SOGAPS e da Delegación Saharauí en Galicia que se concentrarán o sábado día 12 ás 18h. da tarde diante do Edificio Marco (Vigo) para acentuar a presión sobre Marrocos.

Relacionados