Solla: “A prostitución non tería cabida se non vivísemos nunha sociedade patriarcal, na que os homes poden entender que as mulleres son un obxecto a consumir”

Esquerda Unida organizou este martes en Ourense a charla: “A prostitución, unha estratexia do capitalismo”, impartida pola coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla, un acto enmarcado na programación que Esquerda Unida está a levar a cabo co tema central do feminismo co título: “Co feminismo nos talóns: ¡Que non che conten películas!”.

Segundo explicou Eva Solla, a prostitución funciona como “unha estratexia do capitalismo, xa que non hai que perder de vista que a maioría das mulleres que exercen a prostitución son pobres e o fan de maneira forzada. Doutra banda, a prostitución non tería cabida se non vivísemos nunha sociedade patriarcal, nunha sociedade na que os homes poden entender que as mulleres son un obxecto a consumir”.

Dende Esquerda Unida entendemos que a prostitución é unha forma extrema de violencia de xénero, consecuencia da desigualdade estrutural entre homes e mulleres. Por iso, defendemos que non pode considerarse a prostitución como profesión, nin actividade legalizable; e que calquera proposta política debe partir da súa consideración de violencia de xénero e de atentado contra os Dereitos Humanos das mulleres.

Tal e como explicaba Eva Solla, “calcúlase que o 40% dos homes no Estado español consumen ou consumiron nalgún momento prostitución na súa vida e, segundo o Informe da Comisión Mixta do Congreso dos Deputados realizado no ano 2007, calculaba que cada día se gastaban en España 50 millóns de euros en prostitución”, sinala a coordinadora de Esquerda Unida, “uns datos que deixan vulnerables a mulleres e nenas que son explotadas en diversos clubs, pisos e rúas”.

“A prostitución, xunto coa venta de armas e narcotráfico, é un negocio que máis millóns de euros move no mundo. De feito, en 2014 o Goberno central decidiu computar actividades como a prostitución no PIB, mostrando o total desprezo do Goberno ás mulleres vítimas de trata en unha situación que, para nós, é de violencia machista extrema”, sinalou a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Respecto á prostitución, dende Esquerda Unida apostamos polo desenvolvemento de políticas activas contra a explotación sexual das mulleres e pola abolición da prostitución, polo que defendemos, entre outras, medidas como que a loita contra a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual pasa por incrementar os recursos destinados ao desmantelamento das redes e a industria da prostitución que opera no noso Estado.

Tamén pulamos pola posta en marcha de medidas políticas específicas de integración e inserción laboral para as mulleres prostituídas. Ademais apostamos pola penalización do proxenetismo e a actuación contra todos aqueles que se lucran, tanto directa como indirectamente, coa prostitución allea.

En definitiva, para Esquerda Unida, a trata de mulleres é a manifestación máis crúa tanto do capitalismo como do patriarcado.

Por último, lembramos que a seguinte e última charla do programa “Co feminismo nos talóns” será impartida pola senadora de En Marea, Vanessa Angustia, e tratará sobre a idea actual do amor romántico, o día 22 de marzo en Compostela.

Ver corte de vídeo da charla (Youtube: La Región)

Relacionados