Esquerda Unida apoia a mobilización convocada polas plataformas “Ulloa Viva” e “En Defensa da Ría de Arousa” o domingo 30 de xuño en Compostela en protesta polo proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.
A organización considera que tal e coma veñen apuntando os colectivos ecoloxistas e veciñais, de materializarse este proxecto suporía un impacto no noso medio de gravísimas consecuencias e que afectaría tanto á paisaxe e ecosistema de Palas como á biodiversidade ao longo de todo o río Ulla e da ría de Arousa.
Ademais, Esquerda Unida entende que a implantación dun proxecto destas características afondaría no problema da proliferación dos eucaliptos nos montes galegos, co consecuente impacto no comportamento dos lumes forestais.
En palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, “unha vez máis a Xunta de Galicia pon o enriquecemento duns poucos por diante da conservación do noso medio natural. A instalación de Altri en Galicia suporía un ecocidio sen precedentes e a perda de moitos empregos no sector do marisqueo e no rural”.
Esquerda Unida posicionouse en contra do proxecto xa no ano 2020, cando a Xunta de Núñez Feijóo anunciou que proxectaba adicar fondos europeos para a recuperación económica tras o COVID á construción dunha macrocelulosa. “Non só levan catro anos desprezando o elevado impacto ecolóxico e social, se non tamén agochando que cos fondos que deberan servir para mellorar o emprego e os dereitos sociais se pretende agasallar a unha multinacional”- apunta Solla.
Por todo isto, Esquerda Unida chama á participación de toda a sociedade galega na protesta que o vindeiro domingo día 30 de xuño rodeará a Xunta de Galicia en Santiago de Compostela.